ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Federación Galega de Caza, xuíz e parte nos...

27-01-2019

A Federación Galega de Caza, xuíz e parte nos campionatos de raposo

ADEGA vén de solicitar a Medio Ambiente a suspensión dos "campionatos" de caza de raposo que fallan por celebrar, a teor do pouco rigor científico, caducidade parcialidade dos datos dos censos que usa a administración. Métodos pouco científicos, datos desfasados e nesgados, falta de obxectividade... A Xunta asume sen máis os postulados da Federación Galega de Caza dando por boa a teoría da superpoboación, atendendo a un estudo feito por un directivo da FGC.

Escaso rigor científico e información caduca

Cuestionamos a fiabilidade dos datos sobre os que se argumenta dita "superpoboación", principal xustificación dos masacres. Trátase dunha estima de abundancia realizada de modo nesgado, con moita imprecisión, cun deseño mostral baseado nun único criterio que non sería o máis apropiado para determinar estimas de abundancia, e que obtén os datos a partir das cacerías realizadas en probas da propia Federación Galega de Caza.
Estes cálculos ofrecerían moi serias dúbidas metodolóxicas por carecer de homoxeneidade no deseño da toma de datos, pola mostraxe anárquica e por un esforzo censual totalmente desigual entre cada unha das probas consideradas, proporcionando proxeccións e/ou escenarios que non permiten comparar series temporais nin espaciais.
Entendemos que do estudo resultan estimacións para nada fiables, que dificilmente superarían un test de confianza estatística, nin alcanzarían a potencia desexable para este tipo de estudos, e menos para poder ser usados como método para extrapolar ao conxunto da poboaciòn de raposo no territorio galego.

O devandito estudo presenta tamén un problema de caducidade e extemporaneidade, pois os datos nos que se basean as estimas corresponden a un escenario temporal comprendido entre os anos 2006 e 2008. Dende ese momento até hoxe a presión cinexética exercida sobre o raposo pode valorarse en cifras nada insignificantes, xa que segundo os datos que ofrece a Xunta, terianse abatido entre o 2011 e 2017 arredor de 75.000 raposos.

Nula independencia dos autores do estudo. A FGC, xuíz e parte

Consideramos que os estudos que manexa a administración para xestionar o patrimonio natural, deberían realizarse co maior rigor e obxectividade posible, e dun xeito independente dos posíbeis intereses cruzados que poidan afectar ás decisións administrativas.
No caso da xustificación técnica usada para autorizar estes masacres, é inevitable a suspicacia xerada dada a autoría do estudo, xa que o seu máximo responsábel, Luis Eusebio Fidalgo Álvarez, aínda sendo un investigador académico, está directamente vencellado ao mundo da caza e de feito vén ocupando cargos directivos de primeiro nivel nas federacións provinciais de caza. Ademais a día de hoxe exerce de vicepresidente da área cinexetica da Federación Galega de Caza. Isto significa que sería de 'xuíz e parte" no estudo que foi peza chave na expedición pola Xunta das autorizacións destes “campionatos”.

A Xunta ignora as recomendacións do Parlamento Europeo, a propia lei de Caza e a seguridade cidadá

Tendo en conta a advertencia feita polo Parlamento Europeo ao respecto de impulsar medidas preventivas e de profilaxe fronte a expansión epidemiolóxica da enfermidade de Lyme, cabe destacar o importante papel ecolóxico que ofrecen especies coma o raposo para actuar preventivamente no monte fronte a borreliose.
A administración non debería minusvalorar esa importante contribución natural: o raposo cumpre unha función biolóxica de vital transcendencia nos nosos montes, mantendo a raia as poboacións de pequenos mamíferos, sobre todo roedores, e consecuentemente tamén ás súas carrachas, que transmiten diversas pragas tan perigosas para o ser humano coma a dita borrelose ou enfermidade de Lyme, ou a síndrome de Alfa-gal, que pode chegar a provocar na persoa afectada unha alerxia crónica á carne, e que están a espallarse a ritmo acelerado pola nosa comunidade.

Valoramos tamén como irresponsable que este tipo de "eventos" poidan celebrarse sen a oportuna publicidade e comunicacioón: hai un risco certo a efectos de planificación preventiva e de protección civil para a cidadanía. ADEGA lembra que a efectos da Lei 5/2007 de emerxencias de Galiza, a celebración destes “campionatos” entraña unha forma de risco ordinario, para o que os poderes públicos teñen confiada a protección civil, entendida coma unha actuación preventiva que favoreza a autoprotección da cidadanía. Consonte ao  artigo 4, sobre o dereito á protección e á información e ás obrigas das administracións públicas, a cidadanía ten dereito a: “b) Ser informados dos riscos que poidan afectalos e das consecuencias deles que sexan previsibles..” Xa que logo, para unha administración permitir a ocultación dun “evento” que comporta riscos para a cidadanía en xeral é un grave acto de irresponsabilidade.

Finalmente, apontar que estes masacres indiscrimidados disfrazados de "campionatos" incumpren a propia Lei de Caza 13/2013 por canto supoñen unha xestión incompatible cos seus principios reitores: nas datas nas que teñen lugar estes “eventos”, moitas femias da especie xa se atopan en periodo de xestación, sendo o momento máis sensible para a especie. Concúlcanse deste xeito os principios básicos da ordenaciòn cinexética: “protexer, conservar, fomentar, e aproveitar ordenadamente os recursos cinexéticos”.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal