ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Ames abre un centro de compostaxe municipal

25-01-2019

Ames abre un centro de compostaxe municipal

Ames abre un centro de compostaxe municipal

Comezase un novo proxecto de compostaxe co concello de Ames ao abeiro das axudas PIMA do Ministerio de Medio Ambiente para a  Transición Ecolóxica. O proxecto consiste na recollida dos residuos orgánicos xerados nas cociñas dos colexios da rede de comedores do concello.
Unha vez recollidos compostaranse nunha área habilitada no viveiro co obxectivo de pechar o ciclo dos residuos no concello cumprindo os requisitos de proximidade e de economía circular. Por unha banda, os residuos (tanto da cociña como vexetal de parques) non se transportan até a planta de tratamento, e por outra, obterase un compost que servirá de abono e substrato para as labores de xardinería.

Este é un proxecto onde están a participar diferentes entidades polo que require un gran esforzo organizativo e adquirir hábitos novos.
Participan a concellaría de educación xa que os residuos veñen dos comedores dos centros de ensino, así mesmo os centros de ensino tamén participan co seu propio composteiro. A concellaría de medio ambiente pon o persoal e o espazo. A empresa de Di xardín encargase do mantemento da área. E por ultimo, dende ADEGA encargámonos do asesoramento e formación do persoal nos primeiros meses.
Nestas primeiras semanas construíuse a área cunha base de material drenante e montáronse os composteiros de 800L. Fixemos un curso de formación e comezaron a chegar os primeiros restos, fixéronse catro aportación cun volume total de aprox 260L  de residuo das cociñas.
En aproximadamente cinco/seis meses poderase ver o primeiro compost.

O mércores coincidindo co curso de formación tivo lugar a presentación do proxecto:

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, explicou que “100 quilos de restos orgánicos producen entre 20 e 30 quilos de compost. Faise necesario liberar á planta de Lousame de toda esa cantidade de lixo orgánico que, a través deste proxecto xa non vai para alí, o que supón unha redución de custes para as arcas públicas”. Ademais da labor medioambiental, tamén quixo poñer o foco na labor divulgativa que se realizará arredor deste centro, “para que os nosos pequenos e pequenas vexan, practiquen e aprendan sobre este proceso e leven estes hábitos tan saudables ambientalmente ás súas casas, na medida do posible”.  

O concelleiro de Educación, David Santomil, destacou “trátase dun proxecto pioneiro de aproveitamento de restos orgánicos dos comedores escolares, que busca reducir a cantidade de lixo que se tira nos contedores urbanos. Así, esta é unha clara aposta polo medio ambiente, a compostaxe e a xestión de residuos orgánicos. Con esta iniciativa conxunta de ambas Concellarías tamén se busca a posta en valor do viveiro de Barouta e a redución de custos en abonos para as zonas verdes do concello”

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal