ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Escolma ambiental de 2018 e perspectivas para 2019

14-01-2019

Escolma ambiental de 2018 e perspectivas para 2019

Co novo ano facemos balanzo das principais cuestións abordadas en 2018 e como se presentará o panorama ambiental para esta vindeira xeira:

A ILP en defensa dos bosques, unha onda de esperanza fronte ao lume a ao eucalipto

An máis de 42000 sinaturas acadadas por esta iniciativa en defensa dos bosques autóctonos, unha das máis apoiadas da historia, dan a medida do interese e preocupación que a cuestión forestal desperta na sociedade galega. Ducias dos colectivos máis diversos e centos de actos por todo o país puxeron no foco o futuro do monte galego e no modelo forestal imperante, baseado na hexemonía do eucalipto, sinalando tamén alternativas. A negativa do PP e a abstención do PSOE frustraron outra oportunidade de darlle un respiro aos ecosistemas forestais galegos, de novo en perigo pola segunda vaga eucaliptizadora que ven da man dos cultivos enerxéticos.

O feito de que o PP vetara a participación dos ecoloxistas na Comisión parlamentaria para a investigación dos lumes, dá conta da estratexia do lobby pasteiro-enerxético e os seus valedores políticos: prohibido dar testemuña da desfeita.

Obxectivos 2019:
Ás dinámicas sociais xeradas arredor desta ILP queremos darlle continuidade este ano co proceso de debate e resposta ao novo Plano Forestal.

Referenzas das actuacións de
ADEGA:

Mina de Touro: nova ameaza da minaría colonial e resposta social contundente

A reactivación do vello proxecto mineiro de Touro tenta reproducir tamén algúns modelos caducos de explotación de recursos. Malia á camuflaxe é a propaganda dos promotores, o traballo dos colectivos ecoloxistas e sociais dirixiuse nun primeiro momento a debruzar a letra pequena –e non tan pequena- do proxecto, amosando as súas posíbeis consecuencias. Dar a coñecer esta realidade, con datos e  información independente, tentando deslocalizar a resposta social e comnsegir implicar na problemática a importantes sectores produtivos como a pesca e o marisqueo da ría de Arousa, foron algúns dos obxectivos conseguidos.

Obxectivos 2019: Para complementar a fronte social e institucional contra o proxecto de Touro tentaremos abrir tamén a vía xudicial.

Referenzas das actuacións de ADEGA:

Residuos: empeñados en soterrar ou empeñados en compostar

O modelo SOGAMA propougado pola Xunta e os seus socios eléctricos segue metastatizándose e mutando a un tempo. Durante o pasado ano aconteceron varios intentos de reproducir, baixo varios proxectos pantalla, aqueles elementos dos que SOGAMA máis renegou e presumíu eliminar: os vertedoiros de lixo. Lousame, Ordes, Teo… todos fillos indesexados de SOGAMA e todos obxecto dunha contundente resposta social.
No entanto, os proxectos de compostaxe a variada escala avanzan imparábeis. Baseados na experiencia de anos das organizacións ecoloxistas, animados por unha boa resposta social e polos ventos que sopran dende Europa, onde cada vez son máis estritas as esixencias para a reciclaxe das fraccións e a compostaxe da materia orgánica, as iniciativas de compostaxe doméstica e comunitaria multiplícanse polo país. O exemplo máis avanzado é o do concello de Allariz, onde todas as persoas poden compostar os seus residuos, hai 25 áreas de compostaxe comunitaria en funcionamento,  recollida porta a porta de residuos orgánicos e vidro na hostelería e compostaxe caseira no rural.

Obxectivos 2019: Consolidar os novos proxectos de compostaxe e estendelos a novos ámetos, poñendo de manifesto o cada vez máis fracasado modelo SOGAMA.

Referenzas das actuacións de ADEGA:

O lobo galego, na encrucillada

As insuficientes políticas preventivas e compensatorias para dimuir os ataques e restituir as perdas á cabana gandeira teñen como consecuencia a precarización da situación do lobo, sinalado novamente como principal causa do fracaso dalgunhas explotacións. A responsabilidade da administración na xestión desta especie emblemática resulta chave para facilitar a convivencia co lobo no rural e desactivar os conflitos. Porén, dende as organizacións ambientalistas esiximos medidas suficientes á altura desta responsabilidade, ao tempo que tentamos desmontar vellos clichés que tentan poñer ao lobo no albo, mentres se ignora a responsabilidade que algunhas explotacións e mesmo medios teñen na criminalización social desta especie.

Obxectivos 2019:
Levantar figuradamente a absurda barreira xeográfica que permite a caza ou “xestión” do lobo Douro arriba, e que este carnívoro acade en Galiza a protección que merece.

Referenzas das actuacións de ADEGA:

Urbanismo: o dinosauro de cemento aínda segue aí

Semella que a burbulla inmobiliaria aconteceu nun pasado remoto e que os seus efectos xa están amortizados. Porén, fican aínda unha manchea de cadáveres estrados polo país ou submersos nas lameiras xudiciais. Algúns dos que aínda emerxen á superficie exemplifican o absurdo dun modelo territorial suicida, alentado con inxentes cantidades de cartos públicos. Se aínfa fican aí, foi por mor da teima dalgunhas entidades que como ADEGA non renunciamos a que a lei fora igual para todos/as e a sinalar que aquelas desfeitas tiñan culpábeis, exixindo responsabilidades.

Obxectivos 2019:
A sentenza do “Caso Barreiros” vai marcar un antes e un despois na xestión urbanística do territorio. Agardemos que sexa exemplar, e non outro exemplo de xustiza lenta e discriminatoria que deixe os delictos impunes.

Referenzas das actuacións de ADEGA:

Eólicos: evitar un novo reparto do botín

Unha nova enxurrada de parques eólicos vén da man das altas rendibilidades que para as eléctricas teñen estas enerxías. Aproveitando tamén milloras técnicas, com maiores rendementos e custos máis baixos, novos parques eólicos pilan por instalarse no país reproducindo os erros da época fraguiana: todas as facilidades para o oligopolio, e novos impactos e “agravio eléctrico” para a cidadanía. Pola súa banda a Xunta fixo todo o posíbel, lei de Depredación mediante, par deixar de novo o camiñpo expedito ás empresas. Costa da Morte, Coristanco, Ordes, Touro, Mesía, Frades… moitos destes parques ameazan interesantes espazos e mesmo sectores produtivos autóctonos.

Obxectivo 2019: Facer seguemento destas novas instalacións, moitas delas artificialmente fragmentadas e tramitadas fraudulentamente, dotando á cidadanía de información e criterios para facerlles fronte.

Referenzas das actuacións de ADEGA:

O patrimonio histórico-arqueolóxico no rural, ameazado pola maquinaria eucaliptizadora e o cemento

A biodiversidade autóctona non é a única ameazada pola mercantilización do monte galego. O “deserto verde” que traen os monocultivos de eucalipto esténdese tamén sobre a riqueza patrimonial e cultural do rural galego. Elementos arqueolóxicos danados (mámoas, castros…), paisaxes culturais luxados (Pedregal de Irimia) ou mesmo os camiños históricos non están a salvo dos efectos do eucalipto e do cemento. A falla de compromiso das administracións encargadas de tutelar este acervo común fai que sexamos os colectivos sociais os que teñamos que defendelo, mesmo pola vía xudicial.

Obxectivos 2019:
Seguemento e ampliación das iniciativas xudiciais en defensa do patrimonio cultural ameazado.

Referenzas das actuacións de ADEGA:

Espazos naturais e voluntariado: avante coa custodia!

Non renunciamos a que a rede galega de espazos protexidos acade a dimensión e a protección acorde á súa riqueza. Alén de seguirmos reivindicando o alongamento da RN2000 e a dotación de instrumentos de xestión para os espazos e especies, pulamos por incorporar novas figuras de protección do territorio "non canónicas", como a custodia do territorio. Ríos, fragas, praias, microrreservas… están xa a ser xestionadas baixo esta figura “branda” que elimina un dos principais factores de distorsión para a consecución dos obxectivos ambientais nestes espazos: a administración.

Obxectivo 2019:
Alongar a rede de espazos custodiados ao tempo que reclamamos protección efectiva das figuras de protección ambiental de hábiats e especies.

Referenzas das actuacións de ADEGA:

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal