Inicio / Novas / ADEGA Nacional / TOUROLEAKS (1): A balsa mineira de Vieiro...
26-11-2018
A nova documentación achegada pola mineira de Touro en resposta ás alegacións de veciñanza e colectivos antimina, así como aos informes sectoriais da Xunta, segue deparando sorpresas.
Desta volta, trátase da confirmación documental, através do informe “Caracterización Hidroquímica del Lago de Vieiro”, redactado polo grupo de Enxeñaría de auga e de medio ambiente da UDC, do que toda a veciñanza de Touro xa sabía: Que a balsa mineira de Vieiro usouse durante anos como vertedoiro en "B".
Neste este informe técnico achegado pola empresa a requerimento de Augas de Galiza, e a respeito da caracterización dos sedimentos (apartado 6.2.3) e do volume de lamas depositadas no fondo da inundada corta de Vieiro (6.2.3.1 “Volumen de lodos” ) pp. 24 a 27, dise o seguinte:
Deste xeito e tal como se recolle no citado informe do grupo de Enxeñaría de auga e de medio ambiente da UDC, parte dos sedimentos depositados na balsa mineira de Vieiro son o resultado de verteduras de materiais (entre eles “áridos procedentes da planta de asfalto”) efectuadas pola empresa Explotaciones Gallegas S.L.
Esta afirmación implicaría que a devandita empresa Explotaciones Gallegas S.L., propietaria do 80% da actual Cobre San Rafael S.L. usou os terreos, e concretamente a corta mineira inundada de Vieiro, como vertedoiro. Esta práctica debeuse desenvolver ao longo de varios anos, dende que a mina pechou en 1986, xa que a cantidade de materiais vertidos supón nada menos que 111.674 metros cúbicos.
Para verificar se estas verteduras realizadas durante anos eran coñecidas e contaban cos preceitivos permisos por parte das administracións competentes. ADEGA vém de solicitar a Medio Ambiente que achegue información sobre as eventuais autorizacións concedidas entre 1986, data da finalización da actividade mineira e a actualidade, á empresa Explotaciones Gallegas S.L. ou a calquera outra, para depositar materiais no fondo da corta inundada de Vieiro. En caso afirmativo, solicitamos como parte interesada no procedemento, coñecer tamén as datas, tipo e cantidade de materiais, condicións de vertedura e demais aspectos relativos aos permisos concedidos polo departamento competente.
ADEGA chama a atención sobre esta enésima irregularidade do proxecto mineiro de Touro: non é posíbel que a Xunta, mediante unha autorización ambiental favorábel, "branquee" as presuntas irregularidades que a empresa concesionaria realizou durante anos nos terreos da antiga mina de Touro.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal