ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA oponse ao proxecto da cidade deportiva do...

25-11-2018

ADEGA oponse ao proxecto da cidade deportiva do Celta de Vigo e da área comercial en Mos

A cidade deportiva do Celta en Mos: un novo caso de pelotazo urbanístico!

O proxecto da cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo e do megacentro comercial en Mos está a ser tramitado mediante unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Mos. O obxectivo desta modificación parcial, cuxo promotor é o propio concello da man da alcaldesa do PP Nidia Arévalo, consiste na delimitación dun sector de solo urbanizable destinado para "dotacións de carácter privado e usos terciarios comerciais”. Deste xeito preténdese transformar solos rústicos de protección forestal, que son maioritariamente naturais, en solos urbanizables incrementando mediante esta actuación a presión sobre o territorio.

Así tense previsto expropiar 864.000 metros cadrados de monte, dos cales a metade corresponden a monte en man común, co fin de cedelos a Carlos Mouriño, presidente do Club Celta de Vigo, quen construirá un centro comercial de 120.000 metros cadrados, alén das dotacións deportivas. Deste xeito, a través do falso discurso da xeración de emprego, do progreso e da diversificación da economía, tentan xustificar as dotacións deportivas e as áreas comerciais como beneficiosas para a veciñanza, mais estes beneficios recaerán coma sempre nas mans duns poucos e sempre en detrimento das comunidades locais e do medio ambiente.  

Esta actuación corresponde cun modelo e cunha lóxica caduca e errada que presenta un gran impacto ambiental negativo, así como unha ocupación do territorio que non favorece a mobilidade sostible e que actúa como barreira ecolóxica nos ecosistemas.

O monte comunal: unha alternativa real!

Dos 864.650 m² afectados na modificación parcial do PXOM, 230.100 m² pertencen ao monte comunal de Tameiga (o 28% da superficie) e 153.700 m² ao CMVMC de Pereiras (19% do total afectado). Pola súa banda, 393.300 m² corresponden a fincas de particulares, 46.250 m² son de dominio público e 41.300 m² corresponden á superficie afectada polo novo sistema xeral viario.

De toda a superficie afectada, os únicos terreos suxeitos a protección como rústicos forestais son os pertencentes aos montes veciñais polo simple feito de seren montes comunais. Mais o artigo 35.5 da lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia establece que "O plan xeral poderá excluír xustificadamente do solo rústico de especial protección os terreos necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, logo do informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente”. Así, a través desta fórmula legal, pódese expropiar terreos dos montes comunais afectados co fin de especular con dotacións e insfraestruturas privadas.

Unha vez máis estase a pasar por alto desde as administracións o potencial de xeración de emprego e fixación de poboación que constitúe a xestión sostible do monte comunal. Este feito quedou constatado co rexeitamento o pasado 20 de novembro no parlamento de Galiza da ILP en defensa do bosque autóctono, unha iniciativa que contou co apoio de máis de 42.000 galegas e galegos. Así, unha aposta clara pola multifuncionalidade do monte, pola silvicultura próxima á natureza e por axudas para o mantemento e recuperación dos bosques autóctonos e dos seus servizos ecosistémicos, serían alternativas reais e viables moito máis beneficiosas para a poboación local, para a economía circular e para o medio ambiente.

Afección ás captacións de augas e ás comunidade de augas

Captacións de auga subterránea

No ámbito de actuación afectado polo proxecto urbanístico localízase o nacente do rego Porteliña, identificada e clasificada a súa correspondente zona de policía no PXOM de Mos como Solo Rústico de Protección de Augas (SRPA). Nesta zona de nacente localízanse ademais especies arbóreas de bosque de ribeira, principalmente salgueiros, ameneiros e outras caducifolias autóctonas, que como tal cumpren unha valiosa función ecolóxica en canto que dotan ao territorio de conectividade, permitindo ser espazos de acubillo, refuxio e alimento para a fauna.

Na superficie afectada existen ademais sistemas autónomos de captacións de auga subterránea para o consumo que dan servizo principalmente ás parroquias de Tameiga e de Cela. Deste xeito, a modificación puntual do PXOM de Mos afecta ao abastecemento e á xestión comunitaria das augas levadas a cabo pola propia veciñanza a través de traídas veciñais xestionadas por comunidades de augas.

Oposición ao proxecto

O pasado venres 23 de novembro, a comunidade de montes de Tameiga e a comunidade de augas de traída, xunto co apoio doutros colectivos e da veciñanza do concello, organizaron a primeira dunha serie de concentracións para esixir a paralización do proxecto da cidade deportiva e en defensa do monte comunal.  

Desde ADEGA opoñémonos rotundamente a este proxecto especulativo e de expropiación do monte comunal, e actuaremos presentando as alegacións correspondentes, ademais de apoiar en todo momento a loita da veciñanza e defendendo os ecosistemas afectados.

O monte é vida e non un lugar para especular!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal