ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Novas charcas para a serra dos Ancares

25-10-2013

Novas charcas para a serra dos Ancares

Novas charcas para a serra dos Ancares

O pasado fin de semana 25 voluntarios e voluntarias ambientais traballaron para conservar as poboacións de anfibios nos Ancares Leoneses dentro do proxecto Charcas con vida

A iniciativa de ADEGA: Charcas con Vida que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente, reuniu unha vez máis voluntarias e voluntarios interesados pola conservacións das pequenas masas de auga desta vez nun paraxe privilexiado: o serra dos Ancares.

Neste lugar (pertencente á reserva da Biosfera dos Ancares Leoneses, e ao LIC e ZEPA Os Ancares) existe unha importante turbeira, propiedade da xunta veciñal onde antigamente  se extraía barro para recubrir os fornos. Ao escavar para extraer o barro formábanse pozas que eran aproveitadas por certas especies de animais e plantas. Ata a fin de semana pasada estas antigas charcas atopábanse colmatadas e eran case inexistentes. Isto contribuía a diminución das poboacións de organismos tan ameazados na zona como a ra verde (Phelophylax perezi), antigamente moi abundante na zona, pero que escasea na actualidade. Coa intención de recuperar estas pozas e dar unha nova oportunidade ás ras dos Ancares puxémonos mans á obra para realizar esta actividade.

O primeiro paso foi asinar un convenio de custodia do territorio, entre ADEGA, A Asociación Amigos de Ene. Museo Nacional de la Energía (asociación local), o concello de Villafranca del Bierzo e a xunta veciñal de Teixeira (propietaria do terreo), e o segundo organizar as xornadas celebradas o fin de semana pasado.


O venres, celebrouse unha charla informativa no Teatro de Villafranquino, en Villafranca del Bierzo, un lugar de gran historia e beleza, onde os voluntarias e voluntarios puideron escoitar os beneficios e ameazas aos que se enfrontan as charcas. E para rematar unha charla a cargo de Martiño Cabana (herpetólogo da Universidade da Coruña) sobre os anfibios e réptiles da zona dos Ancares.

Ao día seguinte o grupo de voluntariado trasladouse ata o lugar de Teixeira, un lugar escondido na encaixonado río Burbia. Alí nos desprazamos a pé ata a Turbeira onde se realizarían os traballos, situada a 940 m de altitude. Xa daquelas comezaba a chover pero o grupo non se desanimou e ao chegar a turbeira collemos as ferramentas para comezar a traballar. O obxectivo foi recuperar cinco das antigas charcas onde se extraía barro aumentando a súa profundidade e amplitude. E o traballo deu resultado, 25 persoas traballaron arreo e baixo a chuvia para deixar listas unhas pozas que as ras aproveitarán para sobrevivir nesta serra onde tan escasos son os puntos de auga.

Durante a xornada fomos atopando diferentes anfibios como limpafontes palmado (Lissotriton helveticus), limpafontes verde (Triturus marmoratus) e un individuo da tan escasa nestes paraxes ra verde (P. perezi).  Para evitar que o gando da zona puidera alterar as charcas recuperadas, o equipo de voluntariado tamén colocou un valado de 1,2 m ao redor das tres charcas, deixando fora 2 de pequeno tamaño. Alén dos traballos de escavación das charcas, un grupo de voluntarios adicouse a habilitar rampas de acceso e saída nun pilón de auga nas proximidades,  que tamén será aproveitado polos anfibios da zona.

Foi unha xornada moi produtiva, na que tamén se contou coa colaboración do Naturalista local Pepo Nieto. Dende ADEGA e o equipo de Charca con Vida agradecemos o labor do grupo de voluntariado que se desprazou para recuperar estes pequenos pero importantes puntos de auga. Así como ao Concello de Villafranca do Bierzo e aos seus veciños que fixeron que nos sentiramos como na “nosa casa”.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal