ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Charla e Reparto de composteiros nas parroquias...

23-11-2018

Charla e Reparto de composteiros nas parroquias de Laraño e Villestro (Santiago de Compostela)

Charla e Reparto de composteiros nas parroquias de Laraño e Villestro (Santiago de Compostela)

Onte xoves 22 de novembro fixemos un novo reparto de composteiros de 340L, ideais para unha vivenda, nas parroquias de Laraño e Villestro. Este é un proxecto de ADEGA e o concello de Santiago de Compostela para mellorar a xestión de residuos no concello, compostar a materia orgánica e mellorar a separación das fraccións en orixe.

Nas zonas rurais do concello onde a maioría das vivendas teñen horta e/ou xardín e algunhas delas animais, como as galiñas, os residuos orgánicos xa non deberían de saír da vivenda, pódense compostar fácilmente e devolver a materia orgánica ao solo en forma de compost, evitando o transporte da mesma até Cerceda e evitando que remate nun vertedoiro ou incinerada.

Así a veciñanza tamén ten a oportunidade de participar nun proxecto de educación ambiental e ser solución na problemática da contaminación evitando enviar máis  emisións de CO2 asociadas aos residuos á atmosfera, axudando a mitigar o cambio climático.

Unha vez rematado este reparto de composteiros, fan un total de 100 composteiros repartidos nas parroquias de Figueiras, Laraño, Villestro e a Grixoa. Onte impartimos dúas charlas ás 18h en Villestro e ás 20h en Laraño, na charla explicamos o funcionamento da compostaxe e o composteiro e ao remate as persoas anotadas levaron o composteiro para a casa.

Este proxecto  non so consiste no reparto do composteiro senón que é un programa educativo e de acompañamento polo que ao longo de 7 meses faranse visitas ás vivendas para comprobar o funcionamento do composteiro e resolver dúbidas que poidan xurdir ao longo do proceso.

Mais info:  compostaxe@adega.gal

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal