ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Rexeitada no Parlamento a toma en consideración...

20-11-2018

Rexeitada no Parlamento a toma en consideración da ILP en defensa do bosque autóctono

Cos votos contrarios do PP (37), a abstención do PSOE (14) e o voto favorábel de EnMarea e BNG (20), este martes 20 o Parlamento Galego rexeitou dar unha oportunidade aos nosos bosques fronte ao cambio climático, os lumes e os eucaliptos.

Dende a Comisión Promotora, integrada por representantes da Alianza por un Rural Galego Vivo (ADEGA, CIG, FRUGA e a ORGACCMM) e as organizacións da Rede Cousa de Raíces, queremos agradecer aos grupos políticos que apoiaron esta ILP (BNG e EnMarea) a súa preocupación e sensibilidade cara a preocupante situación dos nosos montes en particular e do rural galego en xeral.
Vaia por diante tamén o agradecemento ás máis de 40.000 persoas que manifestastes o voso compromiso e entusiasmo en defensa dos bosques galegos. Tede por certo que non imos renunciar a un monte galego vivo, multifuncional e sustentábel.

O PP seguíu o guión agardado e impuxo o seu voto contrario á ILP, fiel ao modelo que dende a patronal pasteiro-enerxética marcan dende hai décadas. Coa excusa da súa “inoportunidade” e valéndose das conclusións da Comisión Parlamentar dos Lumes, nas que fían coma dogma de fe, o representante do PP Sr. Moisés Blanco centrou a súa intervención no eucalipto. Malia a que  esta non era unha ILP contra o eucalipto senón a favor do bosque autóctono, o PP teimou en defender as bondades desta árbore, mesmo cuestionando o seu carácter invasor e pirófilo.

Máis inesperada e sorprendente foi a abstención do PSOE, fundamentada nas dúbidas sobre a “oportunidade” da iniciativa e en "discrepancias co contido", que tampouco foron explicadas. Ao igual que o PP, fían a solución dos problemas do monte ás conclusións da Comisión dos Lumes, (que votaron a favor xunto co PP), e ás e receitas dos "expertos". Semella que despois de 40 anos fronte á evidencia, o grupo socialista segue debatendo se eucaliptos ou piñeiros, mentres os nosos bosques esmorecen e o rural despobóase. Ao PP tenlle saído un novo aliado nas súas políticas eucaliptizadoras e ruralicidas, para maior gloria de ENCE.

A voceira da Comisión promotora Virxinia Rodríguez insistíu na necesidade de abordar con decisión un problema que todos recoñecen, e que semella moi poucos queren afrontar. Non abonda con un novo Plano Forestal se valida o fracaso do anterior e non corrixe os resultados de 40 anos de eucaliptización. Os nosos bosques merecen máis valentía por parte dos responsábeis políticos para asumir os erros e corrixilos, en troques de tentar ignoralos. Lamentabelmente, por segunda vez en 30 anos o Parlamento de Galiza dá as costas ao futuro do monte galego.

A defensa dos bosques galegos non remata eiquí

Dende as organizacións que promovemos e apoiamos esta iniciativa agradecémosvos de novo o voso apoio. E malia ao resultado da votación, debedes saber que esta ILP xa acadou o seu principal obxectivo: implicar a milleiros de persoas e a centos de colectivos en defensa dos bosques e do rural galego. Conquerimos tamén levar á rúa o debate sobre as consecuencias do monocultivo do eucalipto e visibilizar as alternativas de futuro para o monte.

Aproveitando o proceso de reforma do Plano Forestal, imos seguir reclamando e traballando a prol dun monte multifuncional e sustentábel coa guía dos principios e propostas contidas nesta ILP. Para isto, agardamos contar outra volta co voso apoio.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal