ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Orzamentos da Xunta 2014: O medio ambiente,...

25-10-2013

Orzamentos da Xunta 2014: O medio ambiente, tocado e afundido

Os fundos ambientais caeron un 67% dende a chegada de Feijóo

Comparativa orzamentos MA 2009-2014


Os Orzamentos de 2014 apresentados pola Xunta confirman a desaparición de facto das políticas públicas ambientais. Dende que chegou Feijóo o ambiente galego perdeu 198 millóns de € e áreas como Conservación da Natureza reduciron un 91% os seus fundos.

As prioridades ambientais da Xunta? Despexar á nosa natureza

A esta baixada do 91,3% nos investimentos reais en Conservación (943.541€ en 2014 fronte aos 10.906.638 de 2009) hai que engadir tamén un descenso dp 90,6% (837.840€ este ano fronte aos 8.046.353 de 2009) nas transferenzas de capital, isto é, nas axudas públicas para promover iniciativas de millora ambiental.

Neste capítulo destacan algunhas clamorosas omisións que deixan claro o grao de sensibilidade e compromiso da Xunta do PP coas prioridades que fixa a ONU e Europa: Hernández e Feijóio adican 0(cero)€ á loita contra o cambio climático; 0(cero)€ ao desenvolvemento sustentábel polas Axendas21 locais e 0(cero)€ á loita contra as especies invasoras, a segunda causa de perda de biodiversidade no mundo segundo a IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza).

E que hai dos Parques Naturais, os espazos coa maior categoría de protección da rede galega? Pois as axudas directas a Parques Naturais (conceito 7700), supoñen en 2014 uns ridículos 4.556€, aínda memos que en 2013 (23.333€) e a anos luz dos 350.000€ de 2009. Mentres estes señores xestionen o ambiente, nen Parque Natural no Pindo nen unha mínima dignidade para as nosas "catedrais naturais". Como aconteceu co ensino e a sanidade, a porta para a súa privatización fica xa aberta...

Outras cuestións sangrantes que reflicten as prioridades desta Xunta depredadora e nefasta para o ambiente, son por exemplo as cantidades adicadas a financiar o labor das protectoras e xestionar os animais domésticos abandonados: Se en 2013 adicaron uns cativos 20.000€ para todos os concellos do país (fronte aos 450.000€ de 2009), en 2014 estas axudas redúcense a 0(cero). Pola contra, os cazadores disporán de 181.000€ para a "ordenación cinexética e piscícola", e abofé que "ordenarán" habida conta da manga ancha co chumbo que amosa a Dirección Xeral de Conservación.

Non estrana tampouco que, entregando a xestión da nosa fauna aos cazadores, os cartos para compensar os danos da fauna salvaxe caian un 54,6% (106.035€ en 2014 fronte aos 234.000€ de 2009). As consecuencias xa son coñecidas: Masacres todo o ano e un futuro aínda máis negro para o lobo galego.

Os colectivos ambientalistas: Un molesto atranco para a Xunta

Feijóo e Hernández tampouco parecen conformarse con eliminar os cartos adicados á promoción de actividades ambientais e de cooperación por parte do tecido asociativo (en 2009 preto de 1,2 millóns de €). Pretenden tamén silenciar ás asociacións ecoloxistas: Por terceira vez ADEGA tivo que acudir ao Valedor para que a Xunta convoque os organismos consultivos ambientais nos que estamos representados: O Consello Galego de Medio Ambiente leva sen reunirse dende o 21-2-2012 (obriga legal de convocarse semestralmente); o Observatorio Galego da Biodiversidade dende o 22-12-2010 (obriga legal de reunirse 1 vez ao ano) e o Consello da Rede de Parques Naturais de Galiza, co deber de reunirse semestralmente non se reuníu nin unha vez dende a súa constitución.

Audios

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal