ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA realizará obradoiros de economía sostible...

24-10-2013

ADEGA realizará obradoiros de economía sostible no fogar para adultos e de coñecemento do entorno para nenos e nenas

Todos os obradoiros impartiranse entre o 28 de outubro e o 28 de decembro de 2013

O vindeiro luns comezaranse a impartir por parte de ADEGA varios obradoiros ambientais destinados a nenos/as e adultos, organizados  e financiados pola Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo. Estas sesións formativas serán de balde e realizaranse nos concellos de Viveiro, Monforte, Ribadeo, Lugo e Ribas de Sil.


OBRADOIROS PARA ADULTOS: ECONOMÍA SOSTIBLE NO FOGAR

Ata o 28 de decembro impartiranse 4 obradoiros de economía sosible no fogar na provincia lucense

Os obradoiros para adultos/as tentarán achegarnos a diversas formas de promover a reciclaxe de residuos ou produtos no fogar, de xeito que axudamos ao medio ambiente e ademais aforramos na nosa economía doméstica. Baixo o nome de “Economía sostible no fogar” organízanse catro obradoiros que tentan marcar unhas pautas para mudar algúns dos nosos hábitos, aprendendo a elaborar produtos de utilización cotiá nos nosos fogares, que non sexan agresivos co medio ambiente nin contaminantes. Ademais, permitirannos acadar o obxectivo xeral deste proxecto, que é o de facernos reflexionar sobre o noso papel como habitantes deste pequeno e limitado planeta, e promover actitudes positivas e prol da sensibilidade medioambiental.

Cada sesión acollerá un máximo de 20 participantes, e durará 2 horas nas que se impartirán 2 obradoiros.

As temáticas dos obradoiros realizados por ADEGA versarán sobre:

  •  Elaboración de cestas de papel.
  •  Cosmética natural.
  •  Elaboración de produtos de limpeza ecolóxicos (xabrón, deterxente e suavizante).
  • Elaboración de biodiésel no fogar.  

Onde e cando?

  • En Viveiro (Sala Multiusos do Concello)
-29 de outubro, de 17 a 19 horas: Elaboración de produtos de limpeza e biodiésel no fogar.

-30 de outubro, de 17 a 19 horas: Elaboración de cestas de papel e cosmética natural.

  • En Monforte (Edificio Multiusos):
-4 de novembro, de 17 a 19 horas: Elaboración de cestas de papel e cosmética natural.

  •  En Ribadeo (Casa da Ría. Monte de Santa Cruz):
- 27 de novembro, de 17 a 19 horas: Elaboración de produtos de limpeza e biodiésel no fogar.

-28 de novembro, de 17 a 19 horas: Elaboración de cestas de papel e cosmética natural.
  •  En Lugo (Centro interpretación Terras do Miño):  
-14 de novembro, de 17 a 19 horas: Elaboración de produtos de limpeza e biodiésel no fogar.

-12 de decembro, de 17 a 19 horas: Elaboración de cestas de papel e cosmética natural. 
  •  En Ribas de Sil (Biblioteca do Concello):
-28 de decembro, de 18 a 20 horas: Elaboración de produtos de limpeza e biodiésel no fogar.

OBRADOIROS PARA NENOS/AS: COÑECE O TEU ENTORNO

Por medio destes obradoiros e charlas que levan o nome de “Coñece o teu entorno”, ADEGA ofreceralles aos escolares participantes unha visión valorizadora do seu contorno máis inmediato co obxectivo de suscitar debates sobre a importancia das nosas accións como cidadáns individuais no mantemento, protección e posta en valor destes espazos.

Esta actividade esta pensada dun xeito aberto, para que poda gozar dela toda a comunidade educativa dos concellos elixidos, que neste caso son Viveiro, Lugo, Ribadeo e Ribas de Sil.

O abano de idades ao que van dirixidos estes obradoiros vai dos 6 aos 12 anos. Cada un destes obradoiros poderá acoller até 25 participantes e a súa duración será de 1 hora.

O obradoiro propón dous retos aos nenos e nenas participantes que terán que resolver:

Reto 1:
“Os ambientos”: Unha civilización extraterrestre chamada “os ambientos” manda unha mensaxe de auxilio a todos os confíns do universo, o seu mundo esmorece pola contaminación e buscan un novo lugar onde vivir, precisan unhas características específicas para poder desenrolar a súa vida....seremos capaces de atoparlles un refuxio axeitado?

Reto 2: “Os Superanimais”: Superocto”, farto da contaminación e do constante perigo que está a sufrir o noso medioambiente, decide que é o momento de formar un supergrupo de animais para defender o medio ambiente. Os inimigos son múltiples e diversos, así que, seremos capaces de formar o grupo axeitado?

Onde e cando?

  • En Viveiro, o 28 de outubro, no Salón Multiusos do concello, de 17 a 19 horas. 
  • En Lugo, o 9 de novembro, no Centro de interpretación Terras do Miño (Río Rato), de 12 a 14 horas.  
  • En Ribadeo, o 14 de decembro, na Casa da ría (Monte de Santa Cruz), de 12 a 14 horas.  
  • En Ribas do Sil, o 28 de decembro, na Biblioteca do Concello, de 16 a 18 horas.

Como participar en calquera destes obradoiros?

Para poder participar nestes obradoiros é preciso inscribirse na páxina web da Deputación de Lugo: http://www.deputacionlugo.org/formulariosDeputacion/terrasmino_riorato13.html

Nesta ligazón, escolle “Economía sostible no fogar” (para adultos) ou “Coñece o teu entorno” (para nenos/as) nas datas e lugares que prefiras e cumprimenta o  formulario cos teus datos.

*Nota:
Aquelas persoas que se anoten nos obradoiros para adultos de Viveiro, Ribadeo e Lugo, reservarán praza para dous días consecutivos de talleres.

Para máis información sobre as reservas: Deputación (982227812).
Para máis información sobre os obradoiros: ADEGA-Lugo (982240299).

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal