Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Máis de 70 colectivos esiximos conxuntamente a...
03-10-2018
Por eucaliptizador, pirófilo, lesivo para a biodiversidade, privatizador... Máis de 70 colectivos ecoloxistas, comunidades de montes, sindicatos, organizacións sectoriais e empresariais vimos de alegar conxuntamente ao texto da primeira revisión do novo Plano Forestal do PP-ENCE.
Dende o ponto de vista ambiental, o texto presentado pola Xunte e a exposición pública até o vindeiro venres 5-O:
Abusa do enfoque forestalista: Non todo o monte é susceptíbel de ser forestado, como quere a industria. Hai outros usos (multifuncionalidade, ecosistémicos) intencionadamente esquecidos.
Abonda no fracaso do Plano Forestal de 1992: Nen sequera se avalían as causas do seu incumprimento: máis de 500..000 ha de eucaliptos en 2018 cando o plano anterior fixaba un máximo de 245.000 ha para 2032. O novo texto dá por bos estes incumprimentos (intencionados), consolida e amplía o actual statu quo do monte galego.
Fomenta os cultivos enerxéticos e a madeira de baixo valor engadido: A Xunta seguindo os ditados de ENCE insiste nos mesmos erros de planificación: máis eucaliptos para pasta e agora tamén para cultivos enerxéticos. O lobby pasteiro-enerxético quere ter a medio país producindo eucalipto para pasta e ao outro medio madeira de crecemento rápido para queimar e engordar o negocio eléctrico.
Entrega outras 35.000 ao eucalipto sen restricións, a engadir ás preto de 600.000 xa ocupadas (un 17% do noso territorio). Dálle tamén unha benvida entusiasta ao E. nitens, considerado invasor e perigoso para os ecosistemas pola Audiencia Nacional.
Non aposta pola sustentabilidade das explotacións forestais, limitándose a ceder aos intereses empresariais enormes extensións d eterritorio para monocultivo de eucaliptos á marxe dos procesos ecolóxicos do monte. Desiste da criazón dunha certificación forestal pública e galega.
Esquece a conservación da diversidade ecolóxica e os usos ecosistémicos do monte, tan necesarios nun contexto acelerado de mudanza climática. Mesmo pretende abrir á explotación comercial hábitats protexidos como os bosques de ribeira.
Baixa os brazos na loita contra as especies invasoras, sen programas de control, erradicación e loita contra as pragas forestais, cada vez máis frecuentes e intensas.
Insiste no modelo continuista e desenfocado de loita contra os lumes que esquece a prevención, a diversidade de especies e o control da expansión das pirófitas. Elude mencionar calquera vinculación dos incendios coa falta de ordenación forestal do territorio ou coa expansión descontrolada do monocultivo de especies pirófitas.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal