ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Planta de reciclaxe de orgánicos de Teo: economía...

01-06-2018

Planta de reciclaxe de orgánicos de Teo: economía circular ou vertedoiro encoberto?

Un proxecto que non reúne todos os criterios de sustentabilidade ambiental

A obtención de biogás a partir de residuos orgánicos é unha alternativa a promover sempre que se leve a cabo con todos os requirimentos ambientais tanto relativos á recuperación da enerxía e reciclaxe dos recursos (nutrientes e materia orgánica non biodegradábel) contidos, como a prevención do impacto ambiental (emisións e residuos finais) sobre o medio natural.  

A clasificación deste tipo de procesos como “reciclaxe” na xerarquía de xestión de residuos da normativa actual depende de acadar a reciclaxe dos nutrientes contidos nos residuos, na forma de compost de calidade. Polo xeral, o balance enerxético nestes procesos é positivo xa que o biogás xerado destinase a producir electricidade e enerxía calorífica. O uso de ambos tipos de enerxía permite satisfacer as demandas do proceso, ficando unha cantidade (polo xeral arredor do 50% a electricidade) para destinar ao mercado eléctrico.  

No presente caso, porén, non se prevé a produción de electricidade. Todo o biogás xerado destinarase a queimar e empregar o calor para os consumos na propia instalación. Isto débese á elección dun sistema de depuración das augas residuais enerxéticamente moi intensivo, como é a evaporación.   

Con todo, a principal eiva está no feito de que non se garante a calidade dos produtos a reciclar (compost e fertilizante orgánico líquido), xa que non se especifican as características dos residuos de entrada, en particular no seu contido a metais pesados. Lodos de depuración como os da EDAR de A Silvouta non reúnen a calidade suficiente, pero o proxecto non aclara de onde procederán os residuos a tratar. En realidade, son moi poucos os residuos que nun proceso deste tipo permitirán acadar un fertilizante Clase A.  

Tampouco se indica de onde procederán os residuos a tratar. A distancia de transporte ten unha influencia grande sobre o balance ambiental, establecéndose como criterio orientativo para plantas de compostaxe un radio de 30 km do lugar de implantación da instalación. A capacidade total, máis de 75.000 t/ano, é moi elevada.  

Xéranse 48.000 t anuais de augas residuais, que se empregarían na rega de 20 Ha de eucaliptais, pero non se di que superficies se empregarán con esta finalidade, nin se están dispoñíbeis na propia explotación. A carga orgánica e nitroxenada que recibiría o eucaliptal resulta moi elevada, e requiriría a súa xestión como filtro verde ou zona húmida construída paras a depuración de augas residuais.  

Estas e outras deficiencias do proxecto fan pensar que se trata máis ben de aproveitar un espazo degradado onde depositar residuos que nun verdadeiro proxecto de reciclaxe e economía circular. Lamentablemente, non sería a primeira instalación autorizada con estas premisas que finalmente converten o lugar nun vertedoiro de residuos.

Un proxecto incompatíbel urbanisticamente

O proxecto contempla a edificación nova de até 7 instalacións, cunha nave principal, varias secundarias (tanques e dixestores), zona de lavado, e oficinas. A construción desta planta de tratamento de residuos orgánicos mediante un procedemento industrial (produción de biogás), debe vir acompañada dun desenvolvemento dos servizos básicos, segundo recolle o artigo 39 da Lei do Solo, o que supón a transformación urbanística da parcela.

Xa que logo, na práctica pasaríase dun solo rústico ordinario, con uso e actividade previsto na letra k) do artigo 35 da devandita lei do Solo, referido a actividade mineira, a outro, de actividade/uso industrial (epígrafe m), pero que non cumpriría coa exixencia redactada en dito epígrafe: que non haxa unha transformación urbanística dos terreos, cousa que á vista da natureza do proxecto non se cumpre.
A ubicación de actividades deste tipo debería, por lóxica, ser un polígono industrial e non unha canteira abandonada, o que fai sospeitar tamén que a intención última é o vertido, camuflado como "reciclado".

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal