ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 20 anos despois de Aznalcóllar, outro desastre...

03-05-2018

20 anos despois de Aznalcóllar, outro desastre mineiro pode repetirse en Andalucía e Galiza

Atalaya Mining e a súa máxima accionista Trafigura: unha longa traxectoria de irregularidades e incumprimentos

Este 25 de abril cumpríronse 20 anos do desastre Aznalcóllar que provocou o vertido de 5 millóns de m3 de augas tóxicas. A reactivación dos proxectos mineiros de Riotinto e Touro ameaza novamente á bacía do Guadalquivir (Riotinto) e a ría de Arousa (Touro).

Na Galiza, as promesas da mineira Atalaya Mining para a mina de Touro falan de "risco cero" e "vertidos cero" malia a que o seu proxecto presenta graves eivas ambientais. Porén, Atalaya Mining é tamén propietaria dos dereitos mineiros da mina de Riotinto, en Huelva, que con diferentes nomes explota dende hai 10 anos, polo que podemos ver como se conducíu alí.
Neste tempo, Atalaya Mining acumula dous expedientes sancionadores por vertidos ao dominio público de máis de 2 millóns de m3 dende as balsas de residuos, unha paralización cautelar da actividade produtiva por incumprimento do plano de labores, e un procedemento penal por contaminación atmosférica a instancias da Fiscalía. Ao parecer, producíronse excesos de partículas en suspensión polo transporte de entullos, as voaduras e a circulación de camións e incumpríronse as normas de seguridade e os requisitos técnicos na construción das entulleiras. O Servizo de Valoración Toxicolóxica e Medio Ambiente do Instituto Nacional de Toxicoloxía (INT) de Sevilla, determinou a superación dos níveis de emisión de partículas sedimentábeis (PSD) e de partículas en suspensión. Asemade, superáronse os valores medios de cobre, zinc  e arsénico, até dez veces nas poboacións próximas en relación con outros lugares non afectados pola actividade mineira.

Polo que atinxe a Trafigura, máxima accionista de Atalaya Mining (22,8%, xunto con Yanggu Xiangguang Copper, 22,7%; Liberty Metals & Mining, 14,5% e Orion Finance, 13,9%) é unha transnacional que comercia con recursos mineiros e enerxéticos a nível global. Trafigura ten abertos nestes intres procedementos por corrupción en Angola, Brasil, China, Colombia, Uruguai, Xamaica, Zambia e Zimbabue e estivo implicada na violación do embargo internacional a Irak e Irán. Mais o escándalo internacional máis sonado que esta empresa protagonizou foi o desastre ambiental de Costa de Marfil e a venda de diésel contaminado en África.

A balsas de Riotinto en risco de rotura por incumprimento das condicións de vertido

As 3 balsas de residuos que Atalaya Mining mantén en Riotinto acumulan 80 millóns de m3 de lamas tóxicas. Hai dous anos o propio órgano mineiro andaluz paralisou a actividade por detectar irregularidades no vertido destas lamas, moito máis líquidas do permitido. Agora, os grupos ecoloxistas andaluces denuncian que estas irregularidades, que comprometen a seguridade e a estabilidade das balsas, seguen a producirse perante a pasividade da administración:
-Atalaya Riotinto segue vertendo lamas nas balsas cun contido líquido do 70%, cando na autorización fíxase que debe ser inferior ao 50%, o que acelera a posibilidade de que os muros de contención rachen. E isto, sen que a empresa teña construído a planta de espesado de lamas prevista nas autorizacións...
-As verteduras prodúcense preto dos muros de contención das balsas, sen deixar unha "praia" de 50m como medida de seguridade. Deste xeito, a acumulación de líquido, unido ás choivas, produce efectos de subsidencia que poderían danar a base dos muros, xusto o que aconteceu en Aznalcóllar.
Para facer fronte ás posíbeis responsabilidades ambientais e sociais por estes riscos, que a empresa teima en dicir que son "cero" nos seus proxectos de Andalucía e Galiza, Atalaya Mining presentou (fóra de prazo) un seguro de caución otorgado por una empresa rumana cun ínfimo capital social. Seguro de caución que tamén usou para cubrir as garantías de restauración por só un 15% do orzamento proxectado...

Vistos os seus antecedentes e o comportamento de Atalaya Mining no seu proxecto mineiro de Riotinto en Andalucía, non hai razóns para pensar que en Galiza non vaia acontecer o mesmo. Esiximos á Xunta a denegación do proxecto mineiro de Touro, polos riscos inasumíbeis que supón para o ambiente, a saúde e a economía de milleiros de persoas, e a incoación dun procedemento de caducidade da concesión, por incumprimento reiterado das condicións de outorgamento dos dereitos mineiros.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal