ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Compatibilidade ambiental e acceso público ao...

17-04-2018

Compatibilidade ambiental e acceso público ao río, condicionantes mínimos da plataforma flotante no Miño

As organizacións que conforman “Lugo de Cara ao Miño” veñen de presentar alegacións á plataforma flotante que o Club Fluvial de Lugo prevé instalar en época estival no río Miño, dentro dun espazo natural protexido como ZEC Ladra-Parga-Támoga, zona de Rede Natura e declarado Reserva da Biosfera Terras do Miño. Malia a contar cun informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, as repercusións ambientais da colocación desta infraestrutura flotante no río Miño non foron debidamente avaliadas pola Xunta, xa que non se garante a conservación nun estado favorable dos hábitats prioritarios e de interese comunitario, nin das especies ameazadas e en perigo de extinción protexidas (Potamida littoralis, Unio pictorum, Gasterosteus aculeatus, Lutra lutra, Natrix natrix, Natrix maura, entre outras) que están presentes neste espazo natural protexido pola lexislación autonómica, estatal e europea.

Entre outras achegas, os colectivos alegantes destacan a falta de medidas correctoras específicas para a protección e conservación de cada un dos hábitats e especies afectadas, a ausencia de limitacións ás que deberían estar sometidos os usuarios/as da plataforma, a non avaliación da repercusión que a infraestrutura e o seu uso puidesen ter na introdución e expansión de especies exóticas invasoras, ou a falta de garantías da seguridade da plataforma ou de compensación de danos en caso de accidente. Tampouse se avalían alternativas, incluída a alternativa cero.

Por outra banda, non figura no expediente ningunha documentación que acredite a existencia dun certificado de declaración da área afectada como zona de baño, nin tampouco se esixe a debida acreditación da existencia dos servizos asociados e obrigados pola lexislación vixente para este tipo de áreas recreativas en espazos fluviais. Paralelamente, cabería determinar por parte da Xunta e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil se os servizos asociados á zona de baño son compatibles coa conservación favorable dos hábitats e especies protexidas nesta zona de Rede Natura. Lembremos que neste espazo protexido como ZEC Ladra-Parga-Támoga, nunha zona moi próxima a onde agora se quere instalar esta plataforma, xa se desbotou a creación dunha zona de baño debido a súa incompatibilidade coa protección dos seus valores ecolóxicos.

Desprivatización dese treito de río

En todo caso, antes de autorizar a colocación de calquera instalación no río Miño por parte do Club Fluvial de Lugo, consideramos desde “Lugo de Cara ao Miño” que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil debería esixirlle á entidade promotora que cumpra coa lexislación vixente en materia de augas e co regulamento de dominio público hidráulico. Isto implica que debe obrigar ao Club Fluvial a eliminar ou retirar de forma inmediata calquera elemento ou infraestrutura que estea a impedir ou a disuadir o acceso público á zona de servidume neste treito do río Miño que transcorre fronte ao caneiro da praia. Actualmente, o peche perimetral das instalacións do Club Fluvial está a ocupar os 5 metros de servidume e de libre circulación de persoas e animais que establece a lexislación vixente, a medir desde a cota máxima de crecida regular do caudal do río, quedando este espazo -na práctica- restrinxido para uso exclusivo dos clientes ou socios/as da entidade.

Diferentes niveis de esixencia ambiental

Ao mesmo tempo, chámanos a atención que o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia requira ao promotor desta plataforma flotante menores garantías ambientais, que a outras entidades que promoven proxectos similares no treito do Miño que discorre por Lugo e que, sen embargo, non goza da mesma protección ambiental. A Xunta está a requirir máis documentación e garantías de carácter ambiental ao proxecto das piscinas flotantes do Concello de Lugo, proxectadas fóra de Rede Natura, que á plataforma flotante do Club Fluvial, proxectada dentro da zona de Rede Natura. Á diferenza do proxecto do Club Fluvial, para a avaliación ambiental do proxecto do Concello, a Xunta requiriu a presentación dun estudo batimétrico dos caudais do río, o recoñecemento oficial da área como zona de baño, a concreción de infraestruturas e servizos de uso público ligados á zona de baño, a especificación de medidas de protección das augas e do ecosistema fluvial en xeral, como se van xestionar os residuos da zona ou unha avaliación específica das afeccións da infraestrutura aos hábitats e especies desta zona. Cando menos, ao noso entender, estes deberían ter sido os requirimentos mínimios demandados ao Club Fluvial para a instalación da súa plataforma.

Conforme ao dito, solicitamos á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Xunta de Galicia que realicen unha avaliación ambiental axeitada do proxecto e do seu impacto sobre os hábitats e especies protexidas, que se acredite o recoñecemento da área afectada como zona de baño e a súa compatibilidade coa conservación dos valores naturais protexidos en dita zona e que se eliminen as infraestruturas que impiden ou disuaden o acceso público a ese treito de río.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal