ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Unanimidade no Comité Científico do Ministerio:...

03-04-2018

Unanimidade no Comité Científico do Ministerio: os eucaliptos son especies exóticas e invasoras e deberían erradicarse

O concello de Teo, como algúns outros en Galiza, aprobou o pasado ano unha moción a prol da biodiversidade e contra a eucaliptización que incluía unha solicitude ao Ministerio (de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente) para a inclusión do eucalipto no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras. A novidade é que o concello trasladou o acordo ao Ministerio (D. X. de Calidade e Avaliación Ambiental). Dende Madrid retrucaron ao concello de Teo que probara o carácter invasor do eucalipto, polo que solicitouse un ditame ao Comité Científico Estatal de Flora e Fauna Silvestres.

O devandito Comité Científico resolveu por unanimidade tanto dos seus integrantes como dos expertos/as consultados/as, que existen abondantes evindencias científicas que certifican o carácter invasor do eucalipto, polo que recomendan a súa inclusión no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras (RD 630/2013).

Características que fan aos eucaliptos nocivos para o medio natural

O seu rápido crecemento e alta adaptabilidade a todo tipo de chans, fan que especies de eucaliptos como o E. globulus, E. nitens, E. camandulensis, E. gomphocephala, E. gunnii e E. sideroxylon, entre outras, sexan para o Comité Científico "nocivas para o medio natural dos lugares onde se cultivan". Eis algunhas das razóns:

  • Provocan o empobrecimento das cadeas tróficas, pola dificultade da descomposición das follas, o que inibe a incorporación de materia orgánica ao solo e a mineralizacfión do nitóxeno.
  • Alteran as propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo, en maior medida que os lumes en bosques autóctonos de carballos; e diminúen o balanzo hídrico do chan.
  • Amosan actividade allopática, dificultando a xerminación e o crecemento doutars especies.
  • Provocan perda de biodiversidade tanto vexetal como animal, aumentando o risco de instalación doutras invasoras. Supoñen tamén unha fragmentación dos ecosistemas naturais.
  • Colonizan espazos abertos, desprazando ás colonizadoras autóctonas, sobre todo despois dos lumes, o que fai que actúen como as "malas herbas".
  • Son difíciles de erradicar, polo que o seu control supón un alto custo para a economía.
  • Teñen un elevado risco de lumes pola acumulación de follas e a presenza de aceites inflamábeis. Por iso as zonas plantadas con eucaliptos poden entrar nun bucle de retroalimentación (o eucalipto favorece o lume e este favorece ao eucalipto sobre outras especies) que resulta difícil de rachar.
  • Favorecen a introdución de especies asociadas, insectos e fungos, que desprazan ás autóctonas.

Xa que logo, o Comité conclúe que "calquera especie ou híbrido de Eucalyptus introducida para a explotación forestal debe considerarse potencialmente perigosa para o medio natural e debe tratarse do mesmo xeito, evitando sa súa naturalización e erradicándoa no intre de detectar a súa naturalización"

A que agardan Xunta a Ministerio para incluir o eucalipto no Catálogo de EEI e comezar a erradicalo?

Malia aos repetidos ditames do Comité Científico de Flora e Fauna Silvestres (o recente CC 30/2017 e o anterior CC 02/2012 sobre o E. nitens), e ás cada vez máis numerosas evidencias científicas que amosan o carácter invasor e potencialmente perigoso para o medio natural do eucalipto, tanto o Ministerio como a Xunta seguen a facerlle o xogo á patronal pasteiro-enerxética.

No seu ditame, o Comité Científico sinala a ferramenta utilizada polos políticos amigos do eucalipto para "amnistiar" a esta especie: dende que o PP aprobou o R.D. 630/2013 que anulou o Anexo II do R.D. 1628/2011, todas las especies deste Anexo que non foran valoradas para a súa inclusión no Anexo I del R.D. 1628/2011 quedaron fóra do Catálogo de Especies Exóticas Invasoras. Xa que logo, o Eucalyptus camaldulensis, E. globulus e E. nitens non están actualmente incluidas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. Casualidade? Talvez a mesma casualidade que fixo que unha ex-ministra de medio ambiente (Isabel Tocino) e un ex-conselleiro de medio ambiente (Carlos Del Álamo) acabaran no consello de administración e ENCE.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal