ADEGA

Inicio / Novas / Todas / As hipotecas ambientais da mina de Touro:...

19-03-2018

As hipotecas ambientais da mina de Touro: enxurrada de metais tóxicos baixan polo Ulla cara a ría

Vimos de coñecer os resultados das análises encarregadas por ADEGA das augas dos ríos Portapego e Pucheiras que drenan a antiga mina de Touro. Como era de esperar, os metais tóxicos sobardan todos os límites, e iso coa mina parada...

Foi o 28 de novembro cando membros de ADEGA, guiada por integrantes da Plataforma "Mina Touro-O PIno NON", achegámonos a Touro para recoller senllas mostras das augas que dende o complexo mineiro escoan aos ríos Pucheiras e Portapego. Cumprindo cos protocolos de recollida, as mostras foron convintemente etiquetadas e remitidas a un laboratorio homologado para realizarlles un panel completo de metais.

Os resultados, tando das mostras do regato Pucheiras (1) como as do río Portapego (2) amosan unha importante carga de metais lixiviados.
O rego de Pucheiras
, cun pH de 7,67 que se pode considerar normal, mobiliza a maior cantidade de Cu (substancia preferente), 6 veces por riba da media anual que fixan as NCA (Normas de Calidade Ambiental, Real Decreto 817/2015). Ten tamén unha importante cantidade de Zn (tamén substancia preferente) e de Ni (substancia prioritaria), superando o fixado nas NCA.
Polo que atinxe a outros metais, como o Al, Fe e Mn, os valores son tamén moi altos, superando nestes 3 casos as recomendacións da OMS (Guías de calidade da auga) e os criterios sanitarios para a auga de consumo (Real Decreto 140/2003).

As mostras das augas do río Portapego amosan un pH hiperácido, 1000 veces máis que o mínimo recomendado para as augas de consumo. Portan tamén a maior carga de Ni (substancia prioritaria), case 4 veces por riba da media anual establecida nas NCA.
Polo que atinxe ao Zn (substancia preferente) a concentración deste metal supera tamén á das augas do Pucheiras, ultrapasando a media anual e achegándose ao píco máximo admisíbel que fixan as NCA. Porén, as cantidades de Cu son 10 veces menores que no rego de Pucheiras.
Para os outros metais, Al, Mn e especialmente Fe, as concentracións son superiores ao Pucheiras, superando por máis de 10 veces (Al) de 20 veces (Mn) e de 1000 veces (Fe) as recomendacións da OMS así como os criterios sanitarios para a auga de consumo.

Estes metais son bioacumulativos e tenden a concentrarse nos tecidos vivos ao longo de toda a cadea trófica, polo que antes ou despois acabarán provocando alteracións fisiolóxicas e xenéticas (ver o estudo sobre as poboacións de salmón do Ulla). E lembremos que as augas destes regos chegan através do Ulla, á ría de Arousa, centro dunha grande produción marisqueira...

Sobran razóns para que medio Ambiente e Industria deneguen o proxecto

O resultado destas análises confirma o agardado para unha instalación mineira, hoxe inactiva, e que non acometeu os preceitivos labores de restauración. Como consecuencia e durante anos, millóns de metros cúbicos de augas carregadas de metais tóxicos estiveron escoando dende as instalacións mineiras á bacía do Ulla.
Quen tolerou ou permitíu esta situación? Nun caso similar (as minas de San Fins) a Fiscalía vén de trasladar ao xulgado as raves irregularidades desta instalación, que tamén vertíu augas contaminadas impunemente durante anos...

Dende ADEGA e a Plataforma "Mina Touro-O Pino NON" esiximos a Augas de Galiza e á consellaría de Medio Ambiente que denegue a autorización para o novo proxecto mineiro e depure as oportunas responsabilidades pola continua contaminación das augas producida durante anos.
O contrario significaría un inxustificábel favoritismo cunha empresa cuxa actividade supón un risco certo para a saúde ambiental e cidadá. Unha administración que vela polos intereses xerais non debería tampouco permitir unha ameaza deste cal¡bre sobre un importante sector económico que dá emprego a milleiros de persoas na ría da Arousa.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal