ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / CERNA 78 dedica gran parte dos seus contidos á...

29-01-2018

CERNA 78 dedica gran parte dos seus contidos á nova ILP Forestal

Salvar os bosques galegos e limitar a expansión do monocultivo do eucalipto son os dous principais retos da nova ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) forestal, promovida pola rede de entidades Cousa de Raíces e a Alianza por un rural galego vivo. Ante a pasividade do Goberno galego para atallar a desorde territorial do monte, frear o asalto aos predios de cultivo e ás masas arbóreas de frondosas e os incendios forestais, máis de 60 colectivos galegos de diversa índole propoñen ao Parlamento unha nova normativa que permita limitar a expansión das especies foráneas e favorecer as propias. Desta nova lei e do reto ao que se enfrontan as sociedades galegas e lusas, afectadas de forma crónica por intensas vagas de lume, versan os primeiros artigos de CERNA 78.  

Abordamos novos modelos de sustentabilidade nas cidades, como o das “supermazás”, implementado en Barcelona, e o “+ Modelo” de Pontevedra, destinado a espallar o patrón de transformación urbana do seu centro histórico a outras áreas da cidade. Descubrimos ademais, que a procura da sustentabilidade nas nosas vidas é algo que non só depende de nós, tamén dos contextos nos que vivimos, como así nos demostra o Proxecto Glamurs, desenvolto en 7 países europeos por 11 grupos de investigación, incluído o de “Persoa Ambiente” da Universidade da Coruña, que o coordinou. Pola súa banda, o Cølectivo Xeøgráfica tamén fai unha reflexión sobre a emerxencia do termo “turismofobia” e do debate sobre a sustentabilidade do turismo en espazos naturais.  

Outro proxecto europeo, EPHEMARE, coordinado pola Universidade de Vigo, dános a coñecer cales son os efectos toxicolóxicos dos microplásticos nos ecosistemas mariños. E tamén damos conta dos resultados acadados polo programa de recollida Porta a Porta en tres parroquias de San Sadurniño desde 2014, que contou coa colaboración de ADEGA. As oportunidades para a autoprodución e autoconsumo da enerxía solar, o actual estado de conservación do oso pardo, ou a situación profesional pola que atravesan as persoas dedicadas á educación ambiental, tamén forman parte desta edición nº 78 de CERNA.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal