ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Presentación da ILP en defensa do bosque...

24-01-2018

Presentación da ILP en defensa do bosque autóctono en Lugo

Este día 23 presentouse na Galería Sargadelos de Lugo a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a defensa do Bosque Autóctono e a Loita contra os Incendios Forestais, promovida por Cousa de Raíces e pola Alianza por un rural galego vivo. Os membros das organizacións promotoras presentes na rolda de prensa, Roi Cuba de Cousa de Raíces, Miguel Fernández da CIG e Elías Somoza da FRUGA, deron conta dos motivos que levaron a unha grande parte da sociedade galega a promover unha nova lei autonómica que favoreza a conservación das especies forestais autóctonas e o seu aproveitamento sostible fronte a un modelo de xestión do monte forestalista, baseado no monocultivo de especies foráneas, especialmente do eucalipto, que non achega valor engadido e que ademais impacta de forma negativa no territorio.

Roi Cuba, o representante de Cousa de Raíces, indicou que un de cada cinco metros cadrados do solo galego está ocupado por eucalipto (o 17% das superficie total de Galiza), e que o actual modelo forestal da Xunta só favorece a colonización dos montes por especies pirófitas e foráneas, o abandono das terras  agrarias, a desestruturación dos montes veciñais e a tala de frondosas para a súa posterior eucaliptización. Todo para favorecer o oligopolio da industria pasteira e enerxética, do que se fai depender a meirande parte dos nosos montes. Pola contra, a través desta ILP procúrase unha normativa que recoñeza o valor das especies propias e os servizos que nos ofrecen á sociedade, que desbote o monocultivo do eucalipto fronte a un modelo de monte diverso e multifuncional, que consiga frear os incendios forestais ligados á falta de xestión do monte e ao cultivo de especies pirófitas, que favoreza o asentamento no rural e que nos permita enfrontarnos con máis recursos á mudanza climática.

ALGUNHAS PROPOSTAS DA ILP A PROL DO BOSQUE AUTÓCTONO

-Valorizar e favorecer a conservación do bosque autóctono Esta iniciativa lexislativa pretende fomentar a conservación, investigación e a sutentabilidade das especies propias e  das masas de frondosas que están aínda sen inventariar, algo que se tiña que ter feito hai xa 25 anos. Apostar polo seu aproveitamento sostible nos montes veciñais en man común, nos montes de xestión pública, ademais de incentivar que os particulares tamén aposten polo bosque galego e os seus recursos e servizos. Proponse tamén unha reserva ecolóxica para bosque nativo en plantacións forestais do 30% en eucaliptais.


-Moratoria ao eucalipto Entre as propostas da nova normativa recóllese o decreto de moratoria para as novas plantacións de eucalipto, xa que esta especie ocupa máis de 500.000 Ha en todo o país e xa que sobrepasou en máis do dobre da superficie o límite máximo de capacidade establecido para esta especie no Plan Forestal de Galicia vixente. Tamén se propón a súa eliminación dos espazos naturais protexidos como Rede Natura e das terras de alto valor ecolóxico. A ILP propón ademais a prohibición do eucalipto nitens, por estar considerado en informes do propio Ministerio de Medio Ambiente unha especie exótica altamente invasora e perigosa, así como a plantación doutras especies exóticas invasoras que atentan contra a nosa biodiversidade.


-Loitar contra os incendios forestais Por outro lado, a intención da ILP proposta no Parlamento é a de intensificar os labores de prevención dos incendios forestais e evitar novas vagas de lumes que cada vez serán máis intensas por efecto do cambio climático, se non facemos nada para frealo. Para iso propón aumentar as distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas ou vías de comunicación. Tamén favorecer labores de silvicultura que rachen coas masas monoespecíficas de eucaliptais, entre outras medidas.

-Favorecer o asentamento no rural
A ILP pretende contribuír ao asentamento das persoas no rural, que a xente que queira vivir nel poida ter acceso á terra e vivir dos seus produtos e recursos de forma sostible, que estes poidan quedar para as novas xeracións, loitando de forma eficaz contra o lume e sen ser dependentes das industria. Segundo Elías Somoza da FRUGA, entre 2013 e 2016 perdéronse en Galiza 34.000 Ha de superficie agraria útil e tamén se perderon máis de 27.000 explotacións nos últimos 10 anos. Proponse, así mesmo, o fomento da silvicultura para a produción de madeiras de calidade, o apoio de iniciativas de transformación de produtos do bosque e axudas directas e exencións fiscais para o mantemento dos bosques autóctonos, mesmo con fins non produtivas.

MESAS DE RECOLLIDA

As entidades promotoras porán en diversos puntos da cidade e da provincia mesas de recollida de sinaturas. Hoxe mesmo, ás 17 horas, recolleranse sinaturas no Mercado da Terra, na Praza de Abastos de Lugo. O prazo para acadar o número de sinaturas mínimo (10.000) para que o Parlamento admita a debate a ILP será o 24 de marzo, mais o noso obxectivo é superar esa cifra. Animamos á sociedade lucense a apoiar esta ILP coa súa sinatura. Poderase asinar e, incluso, recoller pregos de sinatura nos locais de CIG, FRUGA e ADEGA de Lugo.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal