ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Fomento e a Xunta abandonan o xacemento...

21-10-2013

Fomento e a Xunta abandonan o xacemento arqueolóxico de A Roda

Foi descuberto por mor das obras da autovía A-8 e aínda está sen protexer.

Xacemento da Roda en Barreiros

Cultura do País, ADEGA e Mariñapatrimonio vimos de  presentar unha denuncia  perante  Patrimonio polo abandono e posibles danos de A Roda de Barreiros.   No xacemento arqueolóxico de A Roda de Barreiros realizouse no 2006 unha intervención arqueolóxica por mor do trazado da autovía  A-8, que pasaba enriba deste xacemento. Trala  escavación  case total de A Roda  sae á luz un importante e enigmático xacemento que a día de hoxe, e sen estar concluída a escavación, os arqueólogos descoñecen o seu uso  e a súa datación.    

Na actualidade, os arqueólogos da Xunta din que  A Roda  pode ter certa similitude co círculo da Chousa do Rodeiro do castro de Coeses (Lugo), actualmente ameazado tamén polas obras da autoestrada Santiago-Lugo.   Hai sete anos a Xunta e Fomento decidían variar o trazado da autovía para evitar a destrución deste xacemento único en Galicia e, tras unha custosa intervención , A Roda lograba salvarse.  

Hoxe en día, despois da súa “salvación”, o xacemento de A Roda atópase nun lamentable estado de abandono con visibles signos de degradación e destrución porque  Fomento non  cumpriu coa súa obriga de conservar, coidar e protexer este ben patrimonial, amosando unha vez máis o seu escaso interese polo noso patrimonio.  

Por iso, dende as nosas asociacións, instamos á Xunta para que cumpra coa súa obriga legal de protexer o patrimonio e que obrigue ao Ministerio de Fomento a adoptar as medidas necesarias para conservar, coidar e protexer este ben patrimonial.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal