21-12-2017
Representantes das organizacións promotoras da ILP “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”, anunciamos este día 20 o inicio da campaña de recollida de sinaturas, que se prorrogará até o vindeiro mes de marzo. Como obxectivo marcámonos conseguir que chegue ao Parlamento co maior respaldo social acadado nunca por unha Iniciativa Lexislativa Popular, dada a preocupación que a cuestión forestal suscita na sociedade galega.
Un de cada cinco metros cadrados de solo galego está ocupado por un eucalipto. Esta especie pirófita espallouse até atinxir máis de medio millón de hectáreas –o 17% do territorio galego-. Pero non o fixo soa. A colonización dos nosos montes viu auspiciada por unhas políticas planificadas e perversas de abandono do medio rural e das terras agrarias para a súa posterior eucaliptización, até o de agora para abastecer a ENCE mais, a partir de agora, tamén para alimentar as plantas de biomasa.
E é que o PP vén de liberalizar a potencia destas plantas, de xeito que calquera empresa que queira queimar madeira en ciclos curtos, de catro ou cinco anos, pode facelo sen límite. Xa hai en tramitación 3 plantas de 50 megawatios, que terán un efecto sobre a demanda enorme o que exercerá aínda máis presión sobre as terras para seren eucaliptizadas.
Así o explicaron representantes de ADEGA, Fins Eirexas; FRUGA, Manoel Dacal e da CIG, Susana Méndez, que compareceron en nome das máis de 60 organizacións que conforman a rede “Cousa de Raíces”, impulsora da ILP que pretende virar 180º as políticas de xestión dos nosos montes e do noso medio rural.
Un amplo espectro da sociedade rural galega que abrangue organizacións sociais, veciñais, culturais, de montes ou de produtores/as alertadas non só polo cada vez maior abandono do rural galego, senón tamén polas consecuencias que a expansión desta especie, o eucalipto, ten canto a lumes forestais.
Para as organizacións promotoras da ILP estamos diante dunha situación que cómpre reverter porque as cifras oficiais amosan que a frecuencia coa que ocorren lumes nun eucaliptal é 3,55 veces superior aos lumes en masas de bosque autóctono. E mesmo supera a frecuencia de lumes en piñeirais, nun factor de 1,14.
Os datos oficiais tamén amosan, no recente inquérito de estruturas de explotacións agrarias, que entre 2013 e 2016 desapareceron arredor de 3.400 explotacións e que se perderon, en superficie agraria útil, 34.000 hectáreas. Esta situación debe mudar: impedimos que a xente poida vivir das súas actividades, abandónase a terra, detrás vén a política planificada de ENCE de incentivar a plantación de eucaliptos e despois veñen os lumes, con decenas de miles de hectáreas queimadas e mesmo con mortes. Todo na orixe da eucaliptización que hai que frear e ofertarlle á xente saídas no rural rendíbeis que non sexa a única plantación de eucalipto.
Para as promotoras da ILP estamos diante dunha situación que cómpre reverter porque, segundo explicou Eirexas, as cifras oficiais amosan que a frecuencia coa que ocorren lumes nun eucaliptal é 3,55 veces superior aos lumes en masas de bosque autóctono. E mesmo supera a frecuencia de lumes en piñeirais, nun factor de 1,14.
A isto engadiu Dacal que, tamén segundo datos oficiais, os últimos indicadores publicados no recente inquérito de estruturas de explotacións agrarias constatan que entre 2013 e 2016 desapareceron arredor de 3.400 explotacións e que se perderon, en superficie agraria útil, 34.000 hectáreas.
Para o representante de FRUGA é unha dinámica que debe mudar. “Impedimos que a xente poida vivir das súas actividades, abandónase a terra, detrás vén a política planificada de Ence de incentivar a plantación de eucaliptos e despois veñen os lumes, con decenas de miles de hectáreas queimadas e mesmo con mortes. Todo na orixe da eucaliptización que hai que frear e ofertarlle á xente saídas no rural rendíbeis que non sexa a única plantación de eucalipto”.
Entre outros obxectivos, con esta ILP preténdese conseguir que, ao igual que xa fixo Portugal, se decrete unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto, xa que non ten sentido que se siga plantando mentres se debate un novo modelo forestal. Ademais demándase que se elimine dos espazos protexidos, Rede Natura e das terras de alto valor ecolóxico.
Con todo, a ILP vai máis alá do Plan Forestal, que atinxe só á xestión dos montes, porque pretende unha nova xestión do medio rural no seu conxunto. Entre outras, a protección da biodiversidade de hábitats e especies; medidas valentes para garantir a multifuncionalidade de usos; o fomento do arborado autóctono e mesmo que se elabore un catálogo de frondosas, pendente desde 1992, porque, sen isto, non se pode planificar.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal