07-12-2017
O desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego. A problemática dos incendios.
Bruxelas, 7 de decembro de 2017. Hoxe estamos reunidos unha serie de colectivos preocupados pola xestión do
patrimonio cultural. Se dicimos que é necesaria unha “xestión sustentable do monte conforme a súa multifuncionalidade ambiental, económica, social, cultural e patrimonial” todas estaremos de acordo. Pois ben, este é o primeiro principio da Lei de Montes de Galiza de 2012. A Lei estatal do 2003 tamén comeza de xeito similar, mais en ambos casos esta multifuncionalidade da que falan ao comezo parece que se esquece rapidamente. Se xa partimos dun marco legal escaso a política forestal que se está aplicando en Galiza está provocando a uniformidade dos nosos montes, con plantacións masivas de eucaliptos, que acadaron xa as 500.000 hectáreas de superficie. O modelo forestal da Xunta está feito á medida dos intereses das celulosas, que son as únicas favorecidas polos monocultivos de eucaliptos e respaldadas tamén polo Goberno do Estado con medidas como a prórroga de 60 anos da concesión de ENCE na ría de Pontevedra. Converter o rural galego nunha reserva de madeira, hipoteca e condiciona o seu futuro e implica máis lumes forestais.
Os eucaliptos son especies que se ven favorecidas polos lumes e as súas plantacións inciden na maior frecuencia e intensidade dos lumes. Empregando datos do Inventario Forestal Estatal de 2009, cuantificamos que o eucalipto arde 3,55 veces máis que os carballos e demais frondosas, relacionando superficie total ocupada e terreo ardido. A problemática dos incendios é multicausal, e dos múltiples factores que favorecen un lume e aumentan os seus impactos hainos conxunturais e estruturais. É moi difícil actuar sobre os primeiros, son os factores meteorolóxicos, e a situación irá cada vez a peor pola mudanza climática, con períodos de seca máis longos, ventos máis fortes… Son os factores estruturais, o modelo forestal, os que se poden corrixir. Dende 1995 en Galiza hai uns 10.000 lumes cada ano. Cada un deles ten consecuencias sobre o patrimonio natural, como cambios na biodiversidade, perda de solo e contaminación da auga e da atmosfera, e perdas económicas. Moitos deles afectan a elementos significativos do noso patrimonio cultural. Cando se plantan
eucaliptos en terreos agrarios, cando non se respectan as distancias coas poboacións e coas vías de comunicación, so fai falta unha faísca para facer do monte unha trampa sen saída. Este ano xa morreron 4 persoas en Galiza e máis de 100 en Portugal. Con lumes que xa non se poden controlar a situación é moi grave.
Para reverter esta situación, dende ADEGA propoñemos:
A moratoria para novos plantíos de Eucaliptus, como xa se fixo en Portugal, país onde ocupa menos do 9% da superficie, mentres que en Galiza acada case o 17%.
A prohibición do Eucalyptus nitens, que é unha árbore considerada polo Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente como unha “especie exótica en expansión, con alto risco de invasión e perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas”. É dicir, recoñecen que é unha Especie Exótica Invasora aínda que non se considere legalmente como tal. A súa prohibición é necesaria, aplicando o principio de precaución, e axudaría a evitar o impacto ambientais colaterais como a degradación do hábitat ou favorecer outras invasións como a da Vespa velutina ou a Acacia dealbata.
Tamén lle reclamamos ás Administracións o cumprimento da lexislación de montes. Dende ADEGA temos claro que a Xunta de Galiza non ten a intención de limitar a o eucalipto no territorio galego nin tampouco ten vontade de facer cumprir a Lei de montes.
Se así fora, a Consellería de Medio Rural tería que presentar cada ano milleiros de denuncias tanto por plantación ilegais como por talas do bosque autóctono, ou polo menos facer algo máis que resolver o 37% das 150 denuncias anuais que presenta ADEGA.
E se a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tivera a vontade de facer cumprir a Lei debería abrir máis de 2 expedientes sancionadores despois das 60 denuncias presentadas por Mariña Patrimonio e ADEGA contra a industria forestal por danos a mámoas, dolmens, castros ou petroglifos.
Ademais da Xunta, tamén a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está a incumprir as súas propias normativas, como a prohibición das plantacións de especies alóctonas a menos de 100 metros dos cursos fluviais. Sen embargo, interpreta que a plantación ten que afectar a vexetación autóctona; poñendo en perigo a conservación de lugares tan emblemáticos como o nacemento do río Miño, no Pedregal de Irimia.
Para rematar, apostamos pola xestión sustentable dun monte multifuncional; e debe ser a sociedade quen promova accións e medidas fronte a eucaliptización e os lumes forestais. Para logralo debemos cambiar o actual modelo forestal por un válido a longo prazo, que favoreza o asentamento da poboación no rural, que aproveite os recursos de xeito sustentable e que poña en valor o bosque autóctono.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal