ADEGA

Inicio / Buscador / A sociedade debe tomar a iniciativa na ordenación...

03-12-2017

A sociedade debe tomar a iniciativa na ordenación dos montes galego-portugueses fronte a eucaliptización e os lumes

O Centro Social A Devesa, no concello de Salceda de Caselas, acolleu no día de onte as “I Xornadas Galego-Portuguesas fronte a eucaliptización e os incendios”, organizadas pola rede de entidades a prol do bosque galego “Cousa de Raíces”, o colectivo ecoloxista ADEGA e a Asociación Treze-Catorze, coa colaboración do Concello de Salceda, a Associação Quercus e a Asociación Matogueira. O acto foi inaugurado por Marcos Besada, alcalde desta localidade pontevedresa afectada no 25% do seu territorio polos incendios forestais de outubro. A continuación, facemos unha cŕonica da xornada.

A palestra do biólogo e membro do grupo ecoloxista Hábitat, Cosme D. Romay, inaugurou a sesión de mañá, na que deu conta das características taxonómicas do xénero Eucalyptus e dos seus impactos sobre os territorio alleos ao seu país de orixe, Australia. Romay advertiu sobre o proceso expansivo do eucalipto a nivel mundial que se proxecta nunha ocupación de 25 millóns de hectáreas para 2020 (en 2008 ocupaba 19,1 M ha), sobre todo, nos puntos quentes (“hotspots”) de maior biodiversidade do planeta. Actualmente, a área cultivada de eucalipto é maior que a que ocupa o xénero de forma natural. Sobre os impactos da especie no territorio galego-portugués, reseñou numerosos estudos que avalan os efectos negativos do Eucalyptus tanto no solo, como nos efluentes fluviais e reservas hídricas ou na proliferación dos incendios forestais,entre outros. Porén, lamentou que o discurso oficial non traslade esta información á opinón pública e asuma o discurso da industria pasteira.

Do outro lado da raia interviu Miguel Reis, membro da Asociación Quercus, para describir o actual escenario forestal do país veciño (o 26% da superficie forestal está ocupada com eucalipto e menos do 2% con carballeiras), que en 2014 se converteu no país de Europa com maior área de eucaliptos plantados. En concreto, na Zona Norte de Portugal,o 45% das masas arbóreas son piñeiro, o 28% son de eucalipto e o 17%, de carballos). Destacou que o eucalipto, que hoxe en día ocupa 900.000 há en Portugal, xa lle gañou a batalla ao piñeiro bravo.
O ecoloxista luso criticou que os gobernos só estean a “olhar apenas o dinheiro” cando iso “não é gerir o territorio”, a grande materia pendente dos gobernantes, malia que considera esperanzador que recentemente se modificase a normativa forestal portuguesa para frear a expansión do eucalipto. Apelou á necesidade de reducir o consumo de papel, de reforzar a capacidade fiscalizadora, de elaborar un rexistro forestal simplificado e protexer os ríos e regatos deste tipo de plantacións.

Experiencias reais de aquí e de acolá

Ao encontro foi convidado tamén o presidente da Asociación de Moradores de São Simão, do concello de Figueiró dos Vinhos, unha das zonas máis asoladas pola vaga de lumes de xullo que provocou máis de 60 mortes en Portugal. Anibal Quinta propuxo “reagir” sen gardar pola iniciativa política, intervindo nas comunidades locais máis próximas”. Engadiu que “se somos interventivos, seremos escoitados polos políticos”.

Baixo o título “De lume a lume, na busca do bosque encantado”, Rubén Blanco explicou com imaxes a transformación sufrida polos montes de Coruxo (Vigo), desde que foron recuperados polos comuneiros e comuneiras en 1992. Pasou de conter 6,6 ha de frondosas a 52 ha na actualidade e hoxe en día crea 15 postos de traballo. O membro da asociación Matogueira fixo unha comparativa entre o comportamento do monocultivo de eucaliptos fronte ás frondosas fronte o lume. A veciñanza de Coruxo comprobou de forma directa os beneficios do bosque autóctono: conserva mananciais, zonas húmidas e réxime hídrico, aumenta o banco de sementes e zonas de refuxio e os corredores de fauna, os produtos ou froitos do bosque, favorece a paisaxe com diferentes tonaldiades e consegue “conectar co monte” emocionalmente.

Cousa de raíces e ILP forestal

COUSA DE RAÍCES E A ILP FORESTAL Na sesión de tarde, Adela Figueroa e Virxinia Rodríguez de ADEGA presentaron a iniciativa Cousa de Raíces, a prol do bosque autóctono e conformada por unhas 60 entidades, e favoreceuse a discusión sobre as accións futuras desta rede e como mellorar o seu funcionamento. Neste senso, determinouse establecer grupos de traballo que aborden os distintos aspectos da campaña: comunicativo, penal, formativo, educativo, etc., acordando a necesidade de establecer contacto directo coas comunidades de montes e os centros de ensino.

Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA, deu remate ao encontro coa presentación dos contidos da nova Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) forestal promovida por Cousa de Raíces, que foi aceptada a trámite polo Parlamento Galego e que, en poucos días, se porá a andar por todo o país para a recollida de apoios.

10 conclusións do encontro

  1. O debate sobre os impactos do eucalipto xa está superado, agora debemos pasar á seguinte fase: a da acción.
  2. Non podemos agardar a que os gobernos tomen a iniciativa fronte a eucaliptización e os lumes forestais; como cidadáns e cidadás debemos promover accións e medidas que procuren unha xestión sostible dos nosos montes.
  3. O problema non é tanto a especie (eucalipto), como a xestión que se fai dela (monocultivo, introdución masiva, incumprimento normativa, etc).
  4. Débese incidir en que o bosque autóctono axuda a reducir e frear os lumes forestais, que se trata dunha cuestión de seguridade, ademais de ambiental, económica ou social.
  5. Non debemos permitir que se normalicen as situacións catastróficas e as mortes provocadas polos incendios forestais.
  6. Debemos enfocar os esforzos de sensibilización e concienciación sobre o cambio de modelo forestal nas comunidades de montes veciñais, nas crianzas e na clase política.
  7. A ILP forestal promovida por Cousa de Raíces pode edeber servir como ferramenta de sensibilización social sobre a problemática da eucaliptización e dos lumes forestais.
  8. Debemos esixir e procurar alternativas ao eucalipto, poñendo en valor aquelas experiencias reais que xa están a funcionar.
  9. É preciso seguir presionando ás administracións para que dean cumprimento á lei e para que se planifique o modelo forestal, non para 4 anos, senón para varias xeracións de futuro. A nosa dinámica de traballo ten que ser distinta á dinámica política.
  10. Como Cousa de Raíces necesitamos ampliar a campaña a novos membros e colectivos, mellorar a nosa organización interna, en diversos grupos de traballo, e traballar nunha campaña conxunta Galiza-Portugal fronte os lumes forestais e na defensa do bosque autóctono.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal