Inicio / Novas / ADEGA Nacional / As concentracións de lindano nalgúns puntos do...
17-11-2017
A recente alarma xurdida pola detección de significativas cantidades de lindano en diversas traídas veciñais no Porriño, pon o foco na deficiente xestión que deste perigoso contaminante teñen feito as administracións.
Entre 1947 e 1964 a compañía Zeltia fabricou lindano (HCH) e outros pesticidas nunha planta do polígono de Torneiros, en O Porriño (Pontevedra). Máis de 1.000 toneladas de residuos xerados nesta fábrica foron vertidas na zona e noutros puntos do país. Unha parte deles volvéronse a empregar como firme para o amaño de estradas, o que orixinou diversos focos de contaminación por HCH.
Nos terreos onde se encontraba a fábrica, construíronse vivendas de protección oficial en 1975 sen que se levara a cabo unha axeitada descontaminación da zona. En 1999 a Xunta de Galiza puxo en marcha un plan para a o estudo do estado dos seus solos. As análises feitas revelaron concentracións moi elevadas de isómeros de HCH en terras e augas subterráneas e de abastecemento. Estes datos apontan a que a poboación da zona estivo exposta a un alto nivel de contaminación por lindano durante anos, con grave risco a súa saúde.
En 2010, os habitantes das vivendas sociais sobre os terreos da antiga fábrica foron trasladados, pero aínda hai veciños en zonas achegadas que tamén reclaman seren relocalizados. A superficie total de solos contaminados chega a 1 km2 e máis de 150.000 m3 de solos contaminados xa foron encapsulados.
Nesta área localízanse actualmente unha planta de Syngenta Agro, dedicada á fabricación de agroquímicos, e Biofabri, que produce vacinas. Ambas dispoñen dunha rede de piezómetros que miden os niveles de HCH, que seguen a seren altos. A existencia da fábrica de lindano en O Porriño foi e é unha ameaza para a saúde das persoas que viven nese concello que levan décadas expostas a este perigoso contaminante.
Perante esta preocupante situación, diversos colectivos ecoloxistas iniciamos en 2016 unha campaña para instar as admnistracións a endurecer os controis sobre este contaminante con vistas a erradicalo do medio ambiente. Neste 2017 fíxose público o informe "Fabricación e uso do lindano: cró¡nca dun envelenamento persistente e silencioso" no que colaborou ADEGA a respeito desta problemática en Galiza.
Dende ADEGA temos solicitado á Xunta información sobre a situación do lindano no noso país, puntos de contaminación, analíticas e medidas de control, así como as accións para adaptar a lexislación galega aos requerimentos europeos. Neste senso, todos os planos hidrolóxicos deberían incorporar como moi tarde en 2020 planos de acción para eliminar as substancias prioritarias e prioritarias perigosas (como o lindano). Nin o PHGC (Plano Hidrolóxico Galiza-Costa), dependente da Xunta, nin o PH da bacía MIño-Sil (Ministerio) incorporan estas medidas.
Até o de agora a Xunta desantendeu a nosa petición de información, e en consecuencia, acudimos en amparo á Valedora do Pobo, que admitíu a queixa. Polo que respeita á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, esta achegou ampla información e analíticas sobre a contaminación por lindano nas augas da súa competencia. Chama a atención que en puntos do río Louro, nos concellos do Porriño e Tui, atópanse concentracións de lindano en auga que chegan a multiplicar por 10 a concentración máxima admisíbel (NCA, RD 817/2015), e isto de xeito continuado dende 2010. Dous treitos do río Louro, un á altura da ponte da N-550 en Tui e outro no lugar da Rocha-Atios no Porriño, son os que amosan os níveis máis preocupantes.
Dende ADEGA e outras asociacións ecoloxistas temos esixido á CE que obrigue a Xunta e Estado a incorporar nos Planos Hidrolóxicos medidas para eliminar las sustancias prioritarias e prioritarias perigrosas, mesmo baixo ameaza de sanción.
Xunta e Estado deberían asemade establecer os límites de presenza de HCH nas aguas para consumo humano (até o de agora e sorprendentemente, non esisten límites específicos para este contaminante). Urxe tamén, en aplicación do principio de precaución, declarar non aptos para a captación de auga para consumo os ríos e zonas afectadas por substancias contaminantes persistentes, e se amplíen e completen os labores de descontaminación até erradicar a totalidade dos materiais e sedimentos contaminados.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal