Inicio / Novas / ADEGA Nacional / As hipotecas ambientais da minaría en Galiza: O...
16-10-2013
Os impactos ambientais do proxecto mineiro de Corcoesto, que a Xunta bendicíu outorgándolle unha Declaración de Impacto Ambiental favorábel, non foron a causa do seu anunciado rexeitamento.
Ben ao contrario, tanto Feijóo coma o responsábel do proxecto Francisco Aréchaga, ex-director da Mina das Pontes, falan de que a "sustentabilidade" ambiental de Corcoesto non se cuestiona e poñen de exemplo a restauración do oco da antiga mina de lignito das Pontes, un "idílico" ecosistema segundo a propaganda oficial.
Á marxe de que a DIA de Corcoesto, automáticamente invalidada ao decaer o proxecto, pasará á historia como un dos documentos máis chafalleiros emitidos pola administración dende a DIA do encoro do Umia (ambos por certo apadriñados polo Sr. Hernández), poñer como exemplo de recuperación á macrobalsa ácida das Pontes é como demoninar restauración ao "Ecce Homo".
O experimento de Endesa co "lago" das Pontes non é exemplo de nada, a non ser de como liquidar dun xeito rápido e barato a inmensa débeda ambiental contraída por Endesa co país, logo de apropiarse dos nosos recursos enerxéticos e contaminar a cano libre durante 40 anos.
Dende un principio obviáronse os riscos sísmicos de situar unha enorme masa de auga sobre unha falla activa, como puxo de manifesto en reiteradas ocasións o Prof. Vidal-Romaní. Despois, no proceso de enchido usouse auga do Eume (120Hm3) por ano para inundar o oco máis rápido, detraéndolla ao PN das Fragas. No seu fondo depositáronse milleiros de toneladas de refugallos tóxicos e perigosos froito da actividade industrial quedando "agochados" a unha produndidade inaccesíbel. E arestora o mal chamado "lago" estase acidificando e cargándose de metais pesados polas escorrentías provintes das antigas entulleiras que o arrodean, tal como revelaron as analíticas efectuadas por ADEGA. Tal "ecosistema" precisará dun aporte perpetuo de cal para tentar manter o pH baixo control, mais os metais pesados serán imposíbeis de eliminar.
O idílico ecosistema debruzado por Feijóo e Aréchaga é pois unha inmensa macrobalsa mineira de augas mortas que paseniñamente énchese de metais pesados e vírase cada vez máis ácida. É este o exemplo que querían reproducir en Corcoesto?
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal