ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Crónica da VI Limpeza Simultánea de praias:...

14-11-2017

Crónica da VI Limpeza Simultánea de praias: grazas a todos/as!

Durante a pasada fin de semana (10 ao 12 de novembro), dous colexos e varias entidades sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e lagoas litorais, denunciando así a problemática ambiental do lixo mariño na VI Limpeza Simultánea de praias e lagoas litorais.

Malia a acontecer en pleno outono, a meteoroloxía axudou, facendo que @s voluntarias puidesen realizar a actividade sen problemas. Actuamos en 14 puntos diferentes da xeografía galega dende Ribadeo a Baiona, pasando por Foz, Ferrol, Sada, Muxía, Carballo, Fisterra, Muros, Porto do Son, Rianxo, O Grove, Moaña e Nigrán,

Participaron preto de 150 persoas persoas e recolléronse máis de 1000 kg de lixo, a maioría plásticos. Retiramos cordas de todo tipo, aparellos de pesca, caixas, botellas, tapóns, e até un sofá!

Na xornada do venres 10 foron os rapaces e rapazas do IES Fin do Camiño (Fisterra) e As Bizocas (O Grove) os encargados de realizar a limpeza, dando exemplo á comunidade coa súa motivación e implicación ambiental. A rapazada ficou outra volta abraiada pola cantidade de plásticos e micro-plásticos agochados nas praias.

O lixo mariño é unha das maiores problemáticas ambientais do planeta, provocando graves consecuencias sobre os ecosistemas acuáticos, e numerosas mortes de aves mariñas, mamíferos e tartarugas. Estes animais poden verse enleados co lixo ou morrer directamente pola inxesta dos propios residuos. Ademais, non só a nosa fauna vese ameazada, senón que moitos dos produtos vertidos ao mar conteñen sustancias tóxicas e bioacumulativas que poden entrar na cadea alimentaria, rematando por provocar problemas de saúde na poboación. Por outra banda, os problemas asociados á presenza deste lixo nas nosas praias e lagoas provoca numerosas perdas económicas, diminuindo a pesca e deteriorando a paisaxe, supoñendo ademais un gasto enorme de limpeza para as administracións.

Esta problemática está intimamente relacionada cos modelos de consumo da nosa sociedade, que produce millóns de toneladas de lixo ao ano (preto duns 10 millóns) moitos dos cais rematan nos océanos procedentes tanto das industrias como da poboación en xeral, por unha mala xestión dos residuos que xeramos.

ADEGA quere subliñar que as limpezas de praias non debe ser un feito illado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida. As limpezas de praias deben facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. O obxectivo principal deste tipo de actuacións é crear conciencia e alertar da cantidade de plástico que producimos e tiramos, e as consecuencias que isto ten.

Dende ADEGA querenos agradecer outra volta a concellos, asociacións e voluntariado o seu esforzo e compromiso ambiental.
GRAZAS A TODOS/AS E MORTE AO PLÁSTICO!!!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal