ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Conservación de charcas mediterráneas en Manzaneda

07-11-2017

Conservación de charcas mediterráneas en Manzaneda

Froito do traballo de inventariado de charcas temporais mediterráneas e como continuidade a das actuacións realizada no verán de 2015 e 2016 o domingo 17 de setembro, Charcas con Vida convocou unha xornada de voluntariado ambiental no Macizo Central Ourensán.

A actuación consistiu en recuperar unha nova charca temporal mediterránea afectada por problemas de colmatación, a cal ven provocada polo arrastre de áridos e gravas de pistas e cortalumes próximos.

Deuse comezo ás 11:00h na Pista Ecolóxica do Macizo Central Ourensán ao pé da charca temporal mediterránea na que se traballou os dous últimos anos, aproveitando tamén para coñecer outras charcas próximas. Falouse in situ sobre as características do Hábitat 3170, Charcas temporais mediterráneas, mostrando os traballos realizados en anos anteriores. Explicouse a problemática xeral das charcas temporais así como a das situadas no Macizo Central Ourensán, e visitouse a charca onde se procedeu á retirada de area e grava acumulada.

Unha vez chegados á zona de traballo, visitouse a charca na que se traballaría e a súa problemática. A continuación e para desenvolver as tarefas de retirada de áridos realizáronse varias grupos: mentres unhas persoas cargaban as esportas coa grava, outro grupo as cargaba e transportaba ata a zona de depósito.

Unha vez rematado o traballo de extracción de area da charca temporal mediterránea colmatada, e coa idea de que esta non se enchera de area e grava, construíronse trampas de sedimento usando materiais da contorna, nomeadamente pedras e terróns colocados estratexicamente nos noiros das pistas para que a grava e area quedada alí retida e non chegara ás charcas temporais.

Despois do xantar recolleuse a ferramenta a deixouse a zona lista.  A continuación realizouse un percorrido interpretativo pola zona coa intención de descubrir a diversidade natural dese rincón do corazón do Macizo Central Ourensán. Xeoloxía, flora e fauna foron os aspectos a observar para rematar esta xornada de voluntariado ambiental.

Na xornada participaron un total de 12 persoas e dous coordinadores de ADEGA.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal