ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Fiscalía denuncia no xulgado as graves de...

08-11-2017

A Fiscalía denuncia no xulgado as graves de irregularidades da mina de San Fins

O Fiscal de Medio Ambiente vén de trasladar ao xulgado as graves irregularidades atopadas na mina de San Fins, xa que "indiciariamente aparecen elementos que poideran significar a esistencia ou o risco indicado nos artigos 325 e ss." do Código Penal. Estes artigos fan referenza aos delictos porr contaminar o medio tanto de quen provoca a contaminación como de quen a consinte, castigados con penas de prisión de 2 a 5 anos.

A fiscalía sinala 4 indicios presuntamente delituosos:

AUSENCIA DE ESTUDO DE IMPACTO: Malia a que en 2008 o goberno bipartito esixiulle á concesionaria a realización dun estudo de impacto ambiental (EIA) para a reapertura da mina, a empresa nunca presentou dito estudo, alegando que a explotación non mudara nada dende 1982. O Fiscal indica que non hai fundamentación legal para tal omisión e dá conta dos numerosos requerimentos efectuados pola administración á mineira, sen éxito. Soprendentemente en 2009, xa co governo do PP, o D. X. de Minas Ángel Tahoces resolve aprobar o proxecto de reapertura, suprimindo a necesidade de presentar tal estudo. O Fiscal sorpréndese desta desaparición "sen mediar cambio lexislativo" algún. En posteriores resolucións, Tahoces segue sen esixir á empresa o EIA.

VERTEDURA DE AUGAS RESIDUAIS SEN ESTUDO DE IMPACTO: Á solicitude de verter máis de 1 millón de m3 de augas mineiras, aínda non resolta por Augas de Galiza, a empresa non acompaña EIA algún, cando é preceirtivo por lei. É máis, o Fiscal dá conta da inxustificada modificación dos caudais a verter por parte da concesionaria para esquivar a obrigatoriedade de presentar un novo proxecto e sometelo a maiores controis ambientais.

FALTA DE CONTROL E OMISIÓN DE SANCIÓN NAS VERTEDURAS DE AUGAS DA MINA: No proxecto de vertedura do millón de m3, a mesma empresa recoñece a vertedura de augas industriais sen tratar ao dominio público durante décadas. Perante as reiteradas denuncias dos colectivos anti-mina, Augas de Galiza limítase a incorporalas ao expediente de autorización de vertido. Asemade, a Fiscalía dá conta das altas concentracións de metais pesados que conteñen estas augas, postas de manifesto por análises da propia administración. As cantidades de Cd, Cu e Zn sobardan os máximos legais mesmo 1,5 km augas abaixo da mina, feitos que nunca foron sancionados.

ELUSIÓN DE RESPONSABILIDADES POLO ESTADO DAS BALSAS MINEIRAS: O Fiscal sinala que "apesar de formar parte das instalacións mineiras, a autoridade mineira non esixíu aos sucesivos titulares a súa restauración e control [das balsas]." Tahoces nunca obrigou a restaurar a área afectada polas balsas, e continuou excluíndoas da subrogación dos sucesivos proxectos. Asemade e perante as denuncias sobre o estado destas instalacións, os técnicos da D. X. de Minas non observaron nelas ningunha deficiencia. Para a Fiscalía ese estremo é "como pouco cuestionábel [...] aténdose ao estado actual de conservación".

Nas súas CONCLUSIÓNS, o Fiscal destaca a gravidade dos feitos e expresa a súa preocupación pola ausencia de tratamento e xestión dos residuos máis perigosos da mina. Considera probada a esistencia de verteduras de augas comtaminadas con metais pesados e pide ao xulgado investigar se foron tolerados ou autorizados pola administración.

Aínda que en opinión da Fiscalía os feitos denunciados "non son de monento suficientemente indiciarios de delictos contra o medio ambiente e os recursos naturais", tampouco o descarta, polo que dá traslado ao xulgado da denuncia. Para ADEGA, e entendendo lóxicas as cautelas do ministerio público ao tratarse de presuntos delictos castigados con penas de cárcere, fica máis que demonstrado a continua e impune contaminación provocada pola mina de San Fins durante anos e o escandaloso trato de favor, cando non comenencia, da administración. A que agarda Augas de Galiza para denegar xa o permiso de vertedura e esixir responsabilidades a SACYR?

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal