ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Tras os lumes, actuemos con cautela!

19-10-2017

Tras os lumes, actuemos con cautela!

ADEGA quere agradecer a todas a aquelas persoas que están a contactar coa organización para ofrecer de boa vontade apoio e colaboración na recuperación dos montes queimados nos últimos días. Grazas por poñer esta vontade á nosa disposición. Tamén estamos a recibir numerosas chamadas á acción urxente e inmediata nas terras queimadas.

Mais, a nosa obriga é advertir que a intervención directa da acción voluntaria nestes momentos nas zonas queimadas podería crear aínda máis dano. Calquera labor de restauración hidrolóxico-forestal debe ser desenvolta por persoal especializado, que atenda as especificidades de cada caso particular, e que siga uns estritos protocolos de actuación. Ademais, calquera acción de voluntariado debe aterse á normativa na materia, dotando ao persoal voluntario das nocións, medios, permisos e seguros necesarios.

Que está a facer ADEGA?

1.- Aconsellar sobre o que se pode e non se pode facer nos terreos afectados para non provocar máis danos: http://adega.gal/novas.php?id=659&idioma=gl&sec=7

2.-Trasladar á Xunta de Galiza a túa vontade de colaboración e instala a recuperar o Voluntariado en Defensa do Monte Galego ou algún outro programa de acción voluntaria que satisfaga esta demanda de acción e que non prexudique os montes.

3.- Recoller os teus datos de contacto ou das persoas ou entidades que se ofrecen voluntarias para telos en conta en potenciais programas de voluntariado que se promovan cando as condicións sexan máis propicias. Envía os teus datos a adega@adega.gal ou chama ao 981570099.

4.- Contactar coas comunidades de montes afectadas e universidades para desenvolver , de se dar as condicións e con todas as garantías, traballos de rexeneración.

5.- Instar ao goberno galego, xunto cos demais membros da Rede “Cousa de Raíces” (http://cousaderaices.wordpress.com), a mudar o actual modelo forestal, defender o bosque galego e frear a expansión do eucalipto a través dunha lei proposta por “Iniciativa Lexislativa Popular” (ILP) que foi recentemente presentada no Parlamento de Galiza: http://adega.gal/desc.php?id=5769&n=ILP%20Forestal%202017.pdf

Que podes facer ti?

1.- Deixar constancia da túa vontade de colaboración ante a Consellaría de Medio Rural, Medio Ambiente e o teu Concello, solicitando a incorporación dos teus datos na súa listaxe de voluntariado.

2.- Esixir ao goberno galego que dunha vez por todas atenda cando menos ás 10 MEDIDAS DE LOITA CONTRA OS LUME demandadas polo Comité en Defensa do Montes Galego, do que forma parte ADEGA e difundilas entre os teus contactos: http://adega.gal/novas.php?id=657&idioma=gl&sec=7

3.- Recoller sinaturas de apoio á ILP na defensa do bosque galego promovida por Cousa de Raíces. Se queres participar nesta tarefa, envía un mail a cousaderaices@adega.gal

4.- Participar das actividades e voluntariado que ADEGA organiza ao longo de todo o ano e que contribúen a defender o territorio dos lumes forestais, como a eliminación de especies exóticas invasoras (eucaliptos, acacias, etc.). Envía os teus datos de contacto a adega@adega.gal ou chama ao 981570099.

5.- Asociarte a entidades ou colectivos que durante todo o ano actúan na defensa do bosque galego, na denuncia de accións ilegais que agreden o ambiente ou na prevención dos lumes forestais. Se queres asociarte a ADEGA, pódelo facer aquí: http://adega.gal/info.php?sec=89&idioma=gl

Este domingo, maniféstate en contra a Lei de Depredación de Galiza!

A "Lei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais en Galicia", aprobada esta semana polo PP no Parlamento, e que foi rebautizada como a "Lei de Depredación de Galiza", vai tamén contra a defensa do monte galego e favorece os lumes e a expansión do eucalipto

  • As autorizacións non serán necesarias para plantacións de eucaliptos.
  • Abondará coa "declaración responsable".
  • Perigo para os bens patrimoniais que hai no monte.
  • En Rede Natura tampouco se precisará da autorización da Administración ambiental.
Non desaproveites esta oportunidade para expresar o teu rexeitamento a este tipo de políticas que dan azos ao lume!

Acude este domingo, 22 de outubro, á Alameda de Compostela, ás 12 horas para dicir "Non, á Lei de Depredación".












Comparte!

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal