ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Unha ILP para pararlle os pés ao eucalipto e...

19-10-2017

Unha ILP para pararlle os pés ao eucalipto e darlle unha oportunidade ao noso monte

Proposición de lei por iniciativa lexislativa popular para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais

As razóns da terceira ILP forestal promovida en Galiza en 30 anos

Este 19 de outubro as entidades que facemos parte da iniciativa "Cousa de Raíces" vimos de presentar no Parlamento unha lei para salvar os nosos bosques do lume e dos eucaliptos. É hora de ver de que lado está cadaquén!

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A pesar da importancia da superficie de monte en Galiza, por volta dos 2/3 do total do territorio, as políticas aplicadas desde a entrada en vigor do Plano Forestal (1992) non conseguiron compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais, particularmente dos bosques autóctonos, historicamente degradados e cada día máis diminuídos en relación coas plantacións de árbores de crecemento rápido.  

O devandito Plano Forestal cun horizonte de aplicación de 40 anos (2032) visaba unha extensión máxima do eucalipto dunhas 245.000 hectáreas. No primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I) de 1972/73, o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 hectáreas. Para o máis recente (IFN IV), realizado en Galiza no ano 2009, o eucalipto estendérase xa por 433.915 hectáreas entre masas puras e mixtas. A finais de 2016 a superficie de eucaliptais en Galiza podería superar xa as 500.000 hectáreas, duplicando a falta de 13 anos as previsións máximas do Plano Forestal de 1992. En proporción ao total do territorio, a especie cobre xa case o 17% de Galiza, mentres que en Portugal non chega ao 9%. A intensidade de ocupación da nosa terra é portanto dupla que no país veciño. Este dato chama a atención non só pola importante superficie que representa, senón tamén porque de todos os estados europeos, só España e Portugal permiten o monocultivo desta árbore.   Asemade, parte desta superficie está ocupada por eucaliptos fóra de ordenamento, isto é, asilvestrados ou ventureiros, que medran moitas veces despois de incendios como acontece con outras especies pirófilas.

Asemade, nos últimos tempos unha nova especie de eucalipto, o Eucalyptus nitens, engadiuse aos plantíos, ocupando a espazos antes vetados para o E. globulus, dada a súa maior resistencia ao frío. O E. nitens foi considerado polo Comité científico de flora e fauna silvestres do Ministerio español do ambiente como unha “especie exótica en expansión, con alto risco de invasión e perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas”. Malia non estar formalmente incluído no Catálogo estatal de especies exóticas e invasoras, o E. nitens éo. En consecuencia, as administracións públicas deberían prohibir o seu cultivo en todo o territorio galego e poñer en marcha un plano de control e erradicación naquelas áreas nas que xa estea presente.

Este forte aumento do eucalipto vese favorecido por un modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido. Tamén ten a ver co abandono agrario, o despoboamento e o declive do medio rural galego, caldo de cultivo para os lumes forestais, favorecidos pola mudanza climática e o carácter pirófilo das especies forestais empregadas.

Tamén a aplicación dunha Política Agraria Común (PAC), tanto por parte do goberno galego como español, que destrúe ás economías familiares en beneficio das multinacionais mediante a imposición de prezos ridículos sobre as producións agrarias e gandeiras, provoca o abandono do mundo rural e favorece a extensión do monocultivo de especies de crecemento rápido sobre as terras agrarias abandonadas.  

A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, fai que o destino de moitos montes e terras agrarias remate sendo o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo ás frondosas autóctonas, e finalmente o lume. Esta ocupación está a atinxir tamén aos espazos protexidos e ás terras agrarias, contravindo unha lexislación por veces demasiado permisiva e discrecional. Faise imperativo, xa que logo, aumentar as cautelas e clarexar as determinacións legais, garantindo o cumprimento das normas e abordando a recuperación dos usos orixinais e a rexeneración dos hábitats degradados por plantíos ilegais.  

Constatamos tamén a escasa superficie ocupada polos montes de xestión pública. A vocación primeira destes espazos debería ser a conservación dos valiosos hábitats naturais, chave para ao amortecemento dos efectos do cambio climático, a conservación da biodiversidade e a redución do impacto dos lumes forestais. Malia ao aprobado no Plano Forestal de 1992, 25 anos despois seguimos sen contar cun inventario de masas de frondosas autóctonas, ferramenta fundamental para poder planificar non só medidas de conservación, senón tamén para deseñar estratexias de xestión que maximicen os beneficios do bosque autóctono.

Somos conscientes de que o aproveitamento forestal intensivo con especies alóctonas, pirófilas e de crecemento rápido comporta o deterioro de servizos ecosistémicos que como a diversidade natural, a dispoñibilidade de auga, a fertilidade do solo, ou a calidade paisaxística, son importantes para a vida e o mantemento das actividades económicas da nosa sociedade. Os monocultivos de pirófilas, quer para madeira, pasta ou biomasa (cultivos enerxéticos) inciden tamén na maior frecuencia e intensidade dos lumes; na contaminación de terras e rías con agroquímicos e vertidos das celulosas; no empobrecemento da biodiversidade e no avanzo da erosión, provocando perdas económicas directas e lucro cesante. Este modelo forestal contribúe tamén a fosilizar importantes cantidades de recursos públicos através do PLADIGA -plano de loita contra o lume- que custa anualmente arredor de 150 millóns de euros.  

Os modelos de aproveitamento do monte que apostan pola multifuncionalidade de usos, pola utilización das especies autóctonas, e polo mantemento dos servizos ecosistémicos que estas prestan á sociedade, deberían estar primados con incentivos directos e indirectos –exencións-, mesmo sen ter unha fin produtiva. Os nosos bosques naturais prestan un importante servizo á sociedade, polo que semella lóxico que esta repercuta parte dos beneficios a aquelas comunidades e propietarios/as que apostan pola súa conservación e aproveitamento sustentábel.

Tendo en conta estas consideracións e dado o peso territorial do monte galego, faise urxente adoptar medidas para garantir a súa xestión sustentábel e a adaptación aos retos do cambio climático.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal