ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA rexeita a iluminación do parque do río Rato

10-10-2017

ADEGA rexeita a iluminación do parque do río Rato

ADEGA rexeita a iluminación do paseo do do río Rato e, por tanto, a colocación  de case 300 farois, a carón do efluente polo impacto que a luminaria creará sobre a flora e fauna do espazo. O río Rato e o seu parque albergan unha grande biodiversidade na que se atopan especies de fauna de hábitos nocturnos, entre elas a raposa (Vulpes vulpes), o ourizo cacho (Erinaceus europaeus), diversas especies de morcegos e anfibios como a rá verde (Pelophylax perezi), o sapo común (Bufo Bufo), ou a píntega (Salamandra salamandra). Tamén son comúns as libeliñas e donceliñas cuxas larvas son bioindicadoras de augas limpas e eficientes comedoras de insectos, que desenvolven momentos clave da súa vida durante a noite. Así mesmo, a fauna de hábitos diúrnos e a flora tamén verían alterados os seus ciclos biolóxicos ao carecer de escuridade durante as horas con menor actividade. A colocación de case 300 lámpadas a carón do Rato suporá ademais un desperdicio de enerxía e o incremento de emisións de CO2, o principal causante do cambio climático. A contaminación luminosa tamén reduce a visibilidade das estrelas e altera os ritmos circadianos (día-noite).

Cremos que esta actuación non está suficientemente xustificada e que só servirá para contentar unhas poucas persoas que van pasear ou correr pola noite á costa do benestar das especies nocturnas. Estes usuarios poderían servirse de dispositivos autónomos como frontais ou lanternas que evitan a afectación permanente a un espazo natural e á súa fauna e flora. Ademais, é presumible que este consumo continuo de enerxía aumente considerablemente o gasto público.

ADEGA insta á Deputación e ao Concello a abandonar proxectos desfasados e desproporcionados, que pertencen máis a políticas arcaicas pouco respectuosas coa natureza, que non consideran a eficiencia e o aforro enerxético e que malgastan o diñeiro dos cidadáns. Pensamos que é prioritario apostar por outro tipo de proxectos ou obras de desenvolvemento local que dean resposta a necesidades importantes, que procuren adaptarse á problemática da mudanza climática e que primen o ámbito social e ambiental, intentando crear o menor impacto na natureza e nas arcas municipais.

Por tanto, instamos á Deputación a que paralice o proxecto de iluminación do paseo do río Rato por innecesario, insostible, ineficaz e custoso para a cidadanía e para a natureza do paseo do Rato.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal