ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 760 persoas en 49 concellos retiran máis de 10...

02-10-2017

760 persoas en 49 concellos retiran máis de 10 toneladas de lixo dos ríos galegos

Imaxe de Senda Nova

Fomos novamente moitas as persoas as que nos mollamos polos ríos na X Limpeza simultánea. Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.

Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, unha cadeira de escritorio, unha colchoneta de praia, plásticos de silo, pilas, electrodomésticos, uralitas. As toalliñas húmidas volveu ser do lixo máis abundante. Apareceu tamén roupa, calzado...

No reconto preliminar, calculamos que os residuos de todos os concellos (49 en total) suman máis de 10 toneladas cunha participación de 760 persoas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

A X Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrouse este ano en 49 concellos de toda Galiza, e participarán un total de 69 entidades (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 10 concellos que organizan directamente esta actividade. Actuouse nun total de 49 treitos de río.

O Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Para esta actividade contamos coa colaboración da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, así como cos concellos de A Coruña, A Estrada, Allariz, Arzúa, Cambre, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño.

Ao longo desta semana publicaremos na web específica da limpeza: http://limpeza.proxectorios.org/ un informe coas conclusións finais desta actividade, así como as fotos da xornada da limpeza que aínda estamos a recibir dos grupos participantes. De momento van os resultados provisionais. Para descargar algunha foto da xornada pódese entrar no Facebook do Proxecto Ríos.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal