ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Encargar a INCA 5 novos proxectos relacionados co...

31-08-2017

Encargar a INCA 5 novos proxectos relacionados co Miño é unha ofensa para todos os lucenses

Onte, cando se cumpría o aniversario da segunda paralización das polémicas obras da minicentral da Fábrica da Luz no río Miño en Lugo, adxudicadas a INCA Servicios y Ingeniería SA, vimos de coñecer que o Concello volve adxudicar a esta mesma empresa o desenvolvemento dos cinco primeiros proxectos do programa “Da Muralla ao Miño”, no marco do desenvolvemento urbano Edusi. Desde “Lugo de Cara ao Miño” e desde a organización ecoloxista ADEGA desaprobamos de forma taxante a decisión do Concello por considerala unha ofensa e unha auténtica mofa dos seus veciños e veciñas e daqueles colectivos e persoas que a título particular nos últimos dous anos traballamos a reo e de forma altruísta pola defensa do río Miño e dos bens públicos fronte o afán destrutor de INCA.

Preguntámonos por que o Concello segue actuando con total indulxencia e a favor dunha empresa que ata o momento só ten demostrado que despreza os bens públicos municipais, o noso patrimonio cultural e natural, os nosos espazos naturais protexidos e o noso río Miño. A empresa INCA foi a autora da obra ilegal (dique das Saamasas) que acabou repercutindo nos petos de todos os cidadáns lugueses, cunha multa superior a 260.000 euros máis os gastos de reparación dos danos ocasionados. Ademais é a causante, xunto co goberno municipal, da potencial perda da concesión da Fábrica da Luz. Lembremos que esta concesión de explotación se atopa agora en fase de extinción debido ao incumprimento de prazos e ás irregularidades que a empresa e o Concello acometeron neste espazo de Rede Natura.

Concentración nos xulgados na defensa das persoas denunciadas por INCA

Por outra banda, a empresa INCA tamén incumpriu as condicións do contrato asinadas co Concello de Lugo para a explotación da Fábrica da Luz. Pese a xerar graves prexuízos para o municipio e incumprir os prazos de execución das obras establecidos no contrato, o goberno local en ningún momento lle reclamou contas á adxudicataria nin lle abriu expediente sancionador, cando sobraban os motivos. 

INCA tamén demostrou ser unha empresa sen ningún escrúpulo, capaz de atacar con mentiras e falsas acusacións a aqueles lucenses que democraticamente exercemos o noso dereito a defender os bens públicos, o cumprimento da legalidade e o dereito á manifestación. A mercantil presentou varias denuncias penais nos xulgados de Lugo contra membros de ADEGA e da plataforma “Lugo de Cara ao Miño” co único obxectivo de prexudicar a nosa imaxe e desactivar a mobilización veciñal xerada á raíz das obras ilegais no río Miño. En todos os casos fomos absoltos, como era de agardar e, finalmente, o tempo demostrou que nós tiñamos a razón.

Pese a todo, o Concello volve premiar o afán destrutor e a ambición desmedida de INCA con cinco novos proxectos relacionados co Miño para o cal recibirá uns 12,5 millóns de euros,  cando esta empresa foi a que máis prexudicou o río Miño ao seu paso por Lugo nos últimos dous anos. Ademais, é preciso resaltar que o administrador único de INCA, Miguel García Gesto, aínda está a ser investigado nos xulgados, xunto co ex-edil Francisco Fernández Liñares, por presunto branqueo de capitais nunha peza separada do caso Pokemon.

Comprobamos tamén á vista dos feitos que o Concello de Lugo non quere aprender dos seus erros. Como xa fixera no outorgamento do contrato da explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz, neste concurso de adxudicación volveu primar os criterios económicos sobre a calidade cualitativa dos proxectos e o beneficio colectivo, polo que o barato pode saírnos de novo caro a todos os cidadáns de Lugo.  

Esta plataforma esixe unha vez máis ao Concello de Lugo que actúe con responsabilidade coa súa cidade, cos seus veciños e patrimonio, retirando de maneira inmediata a adxudicación recentemente outorgada a INCA para o desenvolvemento dos proxectos Edusi, polo dano económico, patrimonial e moral que a empresa lle xerou á cidade. Ao mesmo tempo, solicitaremos no consistorio municipal o acceso ao expediente completo de adxudicación dos proxectos do programa “Muramiñae” para analizar en que termos se concedeu e se se tivo en conta a solvencia económica da empresa INCA que xa no mes de abril se queixaba de que estaba ao borde da quebra por culpa da paralización das obras da Fábrica da Luz.

Extinción da concesión da Fábrica da Luz

Ao respecto do procedemento administrativo de extinción da concesión para a explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz, aínda está pendente a resolución da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, unha vez vencido o prazo para a presentación de alegacións. Nesta fase presentaron achegas 53 colectivos e algunhas persoas a título particular coa finalidade de demandar a extinción da concesión da Fábrica da Luz. Só a alegación de INCA solicita a vixencia da concesión. Curiosamente, o Concello de Lugo, titular da concesión, non presentou achegas nese período de exposición pública.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal