ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Feijóo afonda na desfeita eólica con novos...

18-08-2017

Feijóo afonda na desfeita eólica con novos parques de alto impacto e canon reducido

Parque eólico Mouriños

Dous parques eólicos estragarán as últimas serras virxes da Costa da Morte. Son os de Pena Forcada (Laxe) e Mouriños (Cabana e Zas). A súa alta potencia e gran rendemento apenas deixarán canon, virando unha paisaxe única en polígono industrial.

En xuño pasado a Xunta autorizaba a ENEL-Unión Fenosa Renovables o parque eólico Pena Forcada-Catasol II en Laxe, que vai acoller 3 mega-muíños de 3MW de potencia unitaria, xusto a carón da lagoa de Traba e en primeira liña de costa. Arestora están en tramitación outros 10MW tamén de Fenosa a poucos quilómetros do anterior, enriba do outeuiro que domina o esteiro do Anllóns e as dunas do Monte Branco. As máquinas, de até 3MW de potencia unitaria, superan os 150 m de alto e van instalarse nuns outeiros litorais que apenas chegan aos 300m. Chama a atención que en ningún momento a Xunta considerara os efectos sinérxicos destas dúas instalacións situadas a tan pouca distancia e o impacto paisaxístico e de barreira combinado nun dos poucos treitos costeiros sen muíños na costa da Morte.

Unha caótica planificación eólica con enormes custos ambientais e sociais

Á marxe das consideracións ambientais, estes recentes proxectos constatan o fracaso da planificación eólica de Feijóo, que dos 2.325 MW adxudicados en 2010, hoxe apenas autorizouse un 5%. Polo medio, sentenzas do TSXG (2012) e o TS (2015) ratificaron a ilegalidade da anulación dos megawatios adxudicados no concurso do bipartito, e finalmente o Supremo (2016) avalou a manobra de Feijóo. Mais o dano estaba feito: a inseguridade xurídica fixo que o sector eólico ficara paralisado, perdéndose milleiros de (supostos) postos de traballo. O custo para o erario público desta manobra vai xa polos 1,6 millóns de € para pagar as indemnizacións ás adxudicatarias, e aínda quedan unha media ducia de contenciosos por resolver.

Gábase Feijóo de que os fallos xudiciais que obrigan á Xunta a indemnizar ás empresas denunciantes (polo de agora 1,6 millóns de €) compensan os preto de 160 M€ que ingresa o erario público en concepto de canon. Foi precisamente a idea de implantar un canon eólico unha das que usou o PP para xustificar a anulación do concurso do bipartito.
Mais o canon eólico grava as instalacións por número de muíños e non por potencia instalada ou por produción, como no seu momento demandamos os grupos ecoloxistas. Deste xeito, os modernos parques con poucas máquinas mais moi potentes, ao pagar por aeroxerador, xeran máis plusvalías ás empresas e menos ingresos polo canon, distribuido aos concellos através do Fondo de compensación ambiental. Por exemplo, nestes dous parques de Fenosa na Costa da Morte, a Xunta apenas vai ingresar cartos: polo de Pena Forcada (Laxe), de 7MW, o canon é 0 (cero) ao ter menos de 4 muíños, e polo de Mouriños (Cabana e Zas) de 10MW, apenas 2300€ ao ano!

A cousa pode ser aínda peor para os concellos, moitos dos cais teñen no Fondo de compensación ambiental unha fonte de ingresos "extra" para, como no caso de Muras, facer política social combatendo a precariedade enerxética. Resulta que algúns dos vellos parques construídos durante o fraguismo con máquinas de 0,3MW están sendo repotenciados con novos aeroxeradores de até 5MW de potencia unitaria. Deste xeito o número de aeroxeradores redúcese, mesmo nun factor de 10 ou superior, xa que un parque con 100 muíños de 0,3MW (30MW de potencia instalada) pode ser repotenciado con 10 muíños de 3MW ou 6 de 5MW. Logo do repotenciamento, a recadación polo canon eólico podería pasar de 590.000€ a CERO. 10 muíños tributarían 4100€ por unidade (41000€), menos a bonificación que sería a porxentaxe resultante de multiplicar por 5 o número de unidades de aeroxeradores reducidas. Neste caso serían 90 muíños menos, que por 5 supoñen 350% de bonificación, isto é, o canon ficaría en... CERO!

Un desenvolvemento eólico xusto e sustentábel é posíbel

Parque eólico Pena Forcada

Como veñen demostrando diversos estudos, a planificación eólica do PP foi moi favorábel para os grandes grupos empresariais e moi lesiva para o interese público e o medio ambiente. Os graves impactos ambientais e a ínfima xeración de postos de traballo e de dinámicas económicas positivas no tecido socioeconómico, particularmente no rural, alén dos custos económicos directos de sentenzas e indemnizacións, fan urxente mudar a situación.
Alén de establecer zonas de exclusión libres de muíños por razóns ambientais, paisaxísticas, patrimoniais... Dada a densidade da ocupación eólica dos nosos montes o repotenciamento debería ser obrigatorio. Ningunha empresa con parques eólicos en funcionamento, quer ENEL-GN Fenosa ou calquera outra, podería abrir novas instalacións sen repotenciar antes as antigas. Deste xeito, diminuiría a densidade dos parques e a presión sobre o medio, podendo mesmo aumentar a potencia e a produción. Paralelamente, sería imprescindíbel modificar o canon eólico para que en troques de gravar o número de muíños, gravara a potencia instalada ou millor aínda, entrara no reparto dos beneficios xerados.
De non abordar estas modificacións, os últimos redutos libres de muíños, como este pequeno treito da Costa da Morte, serán ocupados e os concellos verán como o Fondo de compensación deixa cada vez menos cartos, que engordarán as plusvalías das empresas. A menos que se trate diso...

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal