ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Centos de quilos de invasoras eliminados de...

11-10-2013

Centos de quilos de invasoras eliminados de hábitats prioritarios grazas ao voluntariado

Segunda quenda do programa Conservando as nosas dunas 2013

Grupo da Corna

A segunda xornada anual do proxecto "Conservando as nosas dunas" celebrada este pasado xoves na Praia da Corna foi un éxito. Foi unha xornada moi boa, e estamos moi contentos/as co traballo realizado, agardando que disfrutarades tanto coma nós.

Entre tod@s retiramos uns 10 kg de coniza (Conyza candensis), 30 kg de papiro (Cyperus involucratus), 13 pés de pita (Agave americana)  e máis de 500 kg de cana (Arundo donax)!!!

Na limpeza da praia retiráronse aproximadamente uns 90 kg de lixo. Puidemos constatar a grande cantidade de lixo antrópico maioritariamente composto por plásticos.

Con estas accións axudamos a mellorar este espazo natural no que as actuacións realizadas nas últimas quendas van dando os seus froitos, e que esperamos teñan continuación no futuro. Todo isto non podería ser posíbel sen a participación de xente coma vós!

Malia iso, o estado natural da duna estase a degradar rapidamente, desta volta pola ocupación e fragmentación derivada dun turismo desordeado. Circulación de veículos polas dunas cincentas (hábitat prioritario) e pisoteo da flora dunar son agresións que as administracións deberían perseguir e erradicar, xa que as ONGs non temos capacidade par vixiar ou sancionar a quen deteriora o medio.

O noso papel consiste, alén de eliminar especies invasoras ou retirar o lixo da praia, en contribuir á divulgación destas problemáticas ambientais entre a sociedade para mudarmos determinadas condutas agresivas cara outras máis respectuosas coa nosa contorna.

Valoramos moito tanto a vosa participación na actividade como os vosos comentarios e suxestións nas enquisas. Para nós é necesario coñecer a vosa visión para millorar nas vindeiras actividades.

Outra volta, moitas grazas polo voso compromiso e esforzo e até pronto!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal