ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Datos, non manipulacións: a incidencia do lume...

07-07-2017

Datos, non manipulacións: a incidencia do lume nos eucaliptais é máis do triplo que nas frondosas autóctonas

Perante a evidencia de que a masiva coberteira de eucaliptos agravou o lume en Pedrógão, ENCE apurouse en demostrar con "datos, non opinións" que o eucalipto pouco ten a ver cos incendios na Galiza. Excusatio non petita...

A seguir das declaracións do Dir. Xeral de Montes da Xunta que non vía relación entre os recentes lumes en Portugal e a situación na Galiza "de cumprírense as leis", ENCE e os seus vasalos lanzaron unha campaña "informativa" para desvencellar ao eucalipto da problemática dos incendios. Usando "datos oficiais da Xunta e Ministerio" pretenden lavarlle a cara á súa principal fonte de negocio para demonstrar con "datos, non opinións" que lumes e eucaliptos pouco teñen a ver, e que os incendios acontecen maiormente en "montes abandonados".

Un feito que ENCE agocha é que abandono e eucaliptización retroaliméntanse, xa que moitos montes e terras abandonadas (por despoboamento, envellecemento, peche de explotacións...) rematan virando a eucaliptais, que requiren pouco ou nulo mantemento fomentando así o absentismo... e o ciclo volta a comezar.
Mais o que se está a cuestionar é se os lumes forestais vense favorecidos polo monocultivo do eucalipto, sexa este ordenado ou non. E para iso, cómpre avaliar a incidencia dos lumes forestais en función das especies arbóreas obxecto de aproveitamento.

Os trucos da trileira ENCE ao descoberto

ENCE afirma que de toda a superficie que arde en Galiza, só o 8% corresponde ao eucalipto. No cálculo inclúe tamén o terreo queimado non forestado (monte baixo, agrícola...). Este recurso, que poderiamos denominar "dilución de datos" é unha trécola ben coñecida por algunhas empresas contaminadoras e non poucos políticos: camuflar a verdadeira dimensión dunha variable ou actividade nun mar de datos hereroxéneos, relativizando así a súa magnitude ou incidencia real.

Para avaliarmos se existe relación entre a presenza dunha determinada especie forestal e a maior incidencia dos lumes, compre referírmonos á superficie queimada por tipos de árbores e relacionala coa superficie total que ocupa cada especie. Que arde máis, os eucaliptais, os piñeirais ou os bosques caducifolios autóctonos?

Curiosamente, as fontes de datos son as mesmas que utiliza ENCE na súa recente publi-reportaxe: os datos de superficie queimada no decenio 2001-2010 publicados polo Ministerio (descarrega EIQUÍ o documento), e os datos de ocupación forestal por especies recollidos no IV Inventario forestal estatal (ver DOCUMENTO de Silvanus, p. 6, xa que a publicación do IV IFN para Galiza só é accesíbel previo pago).

A incidencia do lume nos eucaliptais é 3,55 veces maior que no bosque autóctono

Do Informe sobre a incidencia dos lumes forestais no estado no periodo 2001-2011, publicado polo Ministerio en 2012, tiramos que nese decenio arderon en Galiza 57.104 ha de piñeiro, 40.906 ha de eucalipto e 16.818 ha de carballo e demais frondosas (p.75, cadro 7.2).
Por outra banda, o IV Inventario forestal estatal (IV IFN) realizado para Galiza en 2009, sinala que a superficie total ocupada polas masas puras de piñeiro é de 433.954 ha, polo eucalipto (masas puras) de 287.983 ha, e polo carballo e demais frondosas de 413.300 ha.

Como os datos de ocupación forestal do IV IFN refírense a un ano (2009) e os datos de superficie queimada por especies do Informe dos lumes corresponden ao decenio 2001-2010, debemos facer a media (dividir por 10 estes últimos) para ter unha referenza de cantas hectáreas arderon de cada categoría de árbore nun ano tipo.

Deste xeito, xa podemos calcular a relación entre a superficie total ocupada e o terreo ardido para cada especie: cantas hectáreas arderon de eucalipto en relación co monte eucaliptizado e o mesmo para piñeiro e frondosas.
Os resultados amosan que os lumes dun ano medio, tomando como referenza o inventario forestal de 2009, afectaron ao 1,42% de eucaliptais, ao 1,24% de piñeirais e ao 0,40% das carballeiras e bosques de frondosas galegas.
Ou sexa que o tipo de árbore que arde en maior proporción é o eucalipto, seguido do piñeiro e por último, as carballeiras e frondosas autóctonas son as menos afectadas polos lumes, estando ademais a maioría destas masas en situación de abandono. Segundo ENCE non deberían arder máis estas que os "ordenados" eucaliptais?

Podemos tamén cuantificar a incidencia dos lumes por especies e comparalas entre si: o eucalipto arde 1,14 veces máis que o piñeiro e 3,55 veces máis que o carballo e demais frondosas; e polo que atinxe ao piñeiro, os lumes aféctano cunha frecuencia 3,1 veces maior que ás frondosas autóctonas.

Esta maior relación do eucalipto cos lumes é un feito coñecido e demostrado dende hai tempo, que só ENCE e os seus acólitos seguen tentando ocultar. Non en van o eucalipto é coñecido en moitas partes de Australia, de onde é orixinario, como "the gasoline tree".
A pregunta é agora: vai a Xunta facer algo por desactivar o polvorín no que se están a converter os nosos montes polo eucalipto ou vai limitarse a laiarse cando aconteza unha catástrofe como a de Portugal?

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal