ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Pesar pola traxedia incendiaria de Portugal,...

19-06-2017

Pesar pola traxedia incendiaria de Portugal, preocupación polo que nos agarda na Galiza

Lume en Leiria (Jornal de Leiria)

Dende ADEGA queremos expresar o noso pesar co pobo irmán de Portugal e a nosa solidariedade cos familiares das vítimas dos recentes lumes forestais. Esta catástrofe debería facernos reflexionar sobre as características da problemática dos lumes en Portugal e en Galiza, para deste xeito diminuir as consecuencias que unha catástrofe similar podería ter no noso país.  

Enfrontámonos a un verán certamente “quente” e non só no meteorolóxico. Porque semella que as únicas coincidencias entre o caso portugués e o galego son, a xuízo dos medios e dos responsábeis da política anti-incendios, as inclemencias climáticas. Lembramos xustificacións similares no caso de catástrofes pasadas (“La culpa ha sido del viento y las corrientes”, dicían cando a marea negra do Prestige), esquecendo que a mala xestión do accidente, a falta de medios e a descoordenación/pasividade das administracións responsábeis, convertiron dito accidente en catástrofe.  

Pois ben, outra volta semella que o maldito 30/30/30 (máis de 30 graos de calor, menos dun 30% de huidade e ventos de máis de 30km/h), xunto con unha inusual “treboada seca” están detrás do terríbel lume de Pedrógão e arredores e do seu estarrecedor ronsel de vítimas. Esquécese, talvez intencionadamente, que a problemática dos incendios é multicausal, e que dos múltiples factores que favorecen un lume e aumentan os seus impactos hainos conxunturais e estruturais.

Sobre os primeiros, é difícil actuar directamente: son os factores meteorolóxicos (temperatura, precipitación, vento…) froito do devir dunha atmosfera cada vez máis alterada pola mudanza climática, e que non agoira moi bo futuro. De feito, estas condicións adversas cada vez serán máis frecuentes e, como consecuencia, os lumes serán máis intensos e as súas consecuancias máis devastadoras. É unha das conclusións do informe sobre a mudanza climática na Galiza elaborado por un painel galego de expertos/as en 2012. Escoitaron vostedes algunha referenza ao cambio climático nas noticias sobre a catástrofe?  

Sobre os segundos, os factores estruturais, ben pouco se ten analisado a raíz deste caso. Apenas un breve comentario nun artigo (Jornal de Leiria, 18/06/2017) das ducias que relatan o inferno de Portugal, e que aponta a un “incómodo factor”: "A ajudar a violência do fogo pode ter estado a natureza do coberto vegetal da região, composto por mais de 90% de eucalipto".

O modelo forestal baseado nos monocultivos de pirófitas é un importante factor estrutural directamente relacionado coa problemática dos incendios forestais. Sobre este modelo si de pode actuar: non facelo, a sabendas das consecuencias que pode ter para a nosa natureza e mesmo para a vida das persoas seguir planificando a favor do eucalipto, fainos cómplices dos resultados.

Unha reflexión final: en Portugal, a porcentaxe do territorio ocupada por eucaliptais abeira o 8%. Na Galiza, chega xa ao 17%, por volta de medio millón de hectáreas. Se en Portugal veñen de declarar unha moratoria por 30 anos para os plantíos desta especie, canta máis urxencia haberá para facer o propio na Galiza? A diagnose está feita dende hai tempo, e as solucións levan anos enriba da mesa agardando polas institucións.

Tomemos nota do acontecido Portugal e non agardemos a que este verán haxa mortos enriba da mesa para pararlle os pés ao eucalipto!

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal