ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Cova de Eirós: primeiro o negocio de COSMOS e...

06-06-2017

Cova de Eirós: primeiro o negocio de COSMOS e logo o patrimonio cultural

Este mes de maio, A Xunta non tivo máis remedio que iniciar a declaración de BIC da Cova de Eirós por imperativo legal, logo da demanda xudicial de ADEGA. Durante 8 anos ADEGA tentou até en 8 ocasións pola vía administrativa e mesmo coa intervención do Valedor e do Consello da Cultura Galega que a Xunta cumprira a lei e iniciara a declaración de Ben de Interese Cultural para a cova.

Porén, no procedemento recén iniciado a Dirección Xeral de Patrimonio delimita unha área de afectación e establecendo unhas cautelas que semellan atender máis aos intereses de COSMOS que á correcta salvagarda deste xacemento. Non é de estranar, xa que despois de facerlle o caldo gordo a COSMOS durante anos eludindo o cumprimento da lei, agora que non ten máis remedio que cumprila pretenda dotar á Cova dunha protección "de segunda". A que está considerada como a Altamira e a Atapuerca galega merece moito máis e, dende logo, a cidadanía non se merece esta administración.

Algunhas achegas de ADEGA á proposta de declaración de BIC da Cova de Eirós

Sobre a categoría de Ben de Interese Cultural.  Non está suficientemente xustificado a escolla de “monumento” fronte a “xacemento arqueolóxico” como categoría do BIC. Na introdución recoñécese e destácase por riba doutros valores, a significación de Cova Eirós como lugar de importantes achados arqueolóxicos e paleontolóxicos, que son de especial interese científico para estudar e coñecer a evolución da historia humana, alén de ser esta a única cavidade galega con presenza de arte rupestre. Por iso a categoría máis acaída de BIC sería a de “xacemento ou zona arqueolóxica”, e non a de “monumento”, segundo a definición establecida no artigo 10 da Lei vixente do Patrimonio Cultural: “d) Xacemento ou zona arqueolóxica: o lugar no que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico.” 
A categoría de “monumento” parece máis acaída para “obras ou construcións”, tal e como define a actual Lei de Patrimonio Cultural, ou inmobles construídos polo ser humano ou de natureza artificial. Esta categoría tampouco contempla o interese paleontolóxico do ben a protexer, cando sen embargo se trata dun dos seus valores máis prezados.Desbotar a categoría de “xacemento arqueolóxico” para o BIC Cova Eirós sería desprender o xacemento da súas características orixinais e físicas máis esenciais e determinantes.

Sobre a delimitación da contorna afectada. Área de protección.  A delimitación de protección da contorna do xacemento é pouco ambiciosa e que obedece ou está definida conforme aos actuais intereses da explotación mineira de Cementos Cosmos, no canto de basearse en criterios científicos, de interese público, ou destinados a garantir a protección duns valores patrimoniais de extraordinaria excepcionalidade.  
A proposta de delimitación do perímetro de protección do BIC configúrase a partir da actual alteración da contorna do xacemento condicionada pola actividade da canteira que na ladeira sur desfixo totalmente o monte até 8 metros da cavidade. A proposta da Xunta desbota calquera acción ou medida destinada a recuperar ou rexenerar o estado natural da contorna do xacemento hoxe degradada pola actividade mineira. Non se debe conservar só o “fundamental”, como se expón na proposta da Xunta, nin se debe recuperar a contorna só “logo de que remate a vida da canteira” senón que se deberían promover desde xa todas as medidas de protección ou de cautela oportunas que garantan a estabilidade e integridade da cova e a progresiva recuperación da súa paisaxe natural.  
A este respecto, resulta especialmente insuficiente a delimitación da ladeira sur do xacemento, onde só se contempla unha área de protección de 50 metros ao xacemento. Para evitar que no futuro se produzan situacións deste tipo, cómpre ser máis ambiciosos na delimitación sur do xacemento, aumentando como mínimo en 200 metros a área de protección, que é a distancia mínima contemplada pola normativa vixente á hora de delimitar o perímetro de protección para este tipo de xacementos, conteñan ou non manifestacións de arte rupestre.


Sobre a delimitación da contorna afectada. Área de amortecemento. Malia a que a Xunta propón unha área de amortecemento cara ao sur do xacemento, esta só sería de aplicación “logo do abandono da explotación mineira”, en datas que ademais non se concretan, polo que nesa zona non se aplicaría ningunha medida de amortecemento de impacto nin de cautela mentres a actividade mineira permanecese, de xeito indefinido na zona, quedando unicamente á vontade da empresa mineira o momento de adopción ou establecemento de medidas de protección e/ou amortecemento en dita área. A xulgar pola importancia incontestable do xacemento, recoñecida no texto pola propia Administración pública, non é de recibo que a preservación da súa contorna máis inmediata quede subordinada unicamente ao intereses dunha explotación mineira que ademais ten un carácter privado.
Pola contra, consideramos que a área de amortecemento debe ter aplicación desde o mesmo momento en que se aprobe a declaración ca Cova Eirós como Ben de Interese Cultural, xa que ha de facerse notar que calquera transformación nesa área ou zona de amortecemento pode moi ben producirse antes, e non só “logo do abandono da explotación”, como di a resolución. Por tanto, a zona de amortecemento debera servir para evitar desde xa que calquera actividade nela realizada poida poñer en perigo a estabilidade e integridade da Cova Eirós, sendo especialmente preocupante a actividade que puidese derivarse da explotación mineira na zona. Por tanto, esta resolución debera impedir na zona de amortecemento cando menos a intervención directa da actividade mineira, e especialmente, o uso de explosivos ou voaduras, cuxas ondas expansivas poderían provocar consecuencias drásticas sobre a estrutura e estabilidade do xacemento.
Por outra parte, hai que ter en conta que na zona delimitada como de amortecemento atópanse outras dúas covas que forman parte do conxunto arqueolóxico de Cova Eirós. As Covas da Cabaxa e da Graxeira están incluídas no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos e, segundo un informe do Consello da Cultura Galega, xunto coa Cova Eirós, forman parte dunha mesma área de interese arqueolóxico. O feito de situarse a poucos metros da Cova Eirós e de non estaren aínda escavadas, confírelles un especial potencial interese científico ou de estudo de cara ao futuro, debendo ser este debidamente preservado, evitando os impactos ou danos sobre o patrimonio aínda non escavado ou pendente de investigación, garantindo que a actividade mineira ou calquera outra actividade que pretenda transformar o territorio non inflúa nin determine o seu estado de conservación. Neste senso, habería que establecer medidas específicas no plan de protección da Cova Eirós destinadas a evitar o uso de explosivos ou voaduras nas proximidades da cavidade.

Sobre os riscos asociados á actividade sísmica da zona.  A Cova Eirós atópanse dentro dunha área de importante actividade e incidencia sísmica, no epicentro do triángulo sísmico Triacastela-Sarria-Becerreá. Portén, a proposta de declaración da Cova Eirós como BIC non fai mencióna este risco máis que probado, e que podería ter unha incidencia directa sobre a estabilidade e integridade do elemento a protexer. Aínda que se trata dun fenómeno natural, sería necesario determinar até que punto este tipo de acontecementos poderían incidir na degradación ou na alteración estrutural da cavidade e, no seu caso, establecer as medidas de prevención oportunas. É preciso a elaboración dun estudo específico sobre a incidencia da actividade sísmica da zona no xacemento e nos seus arredores que, á súa vez, derive nun plan de prevención dos riscos asociados a estes eventuais episodios de tremores da terra.  
Sería necesario tamén determinar en que medida os efectos derivados da actividade sísmica da zona vense reforzados ou favorecidos pola actividade mineira, e como o uso de explosivos, a apertura de fendas na rocha ou no solo, o movemento de terras, entre outras actividades da canteira, sexan factores que multipliquen os riscos e os efectos dos tremores naturais da terra sobre a cavidade a protexer. Este potencial risco acumulativo no que se interrelacionan a ameaza mineira e a sísmica, aconsella de novo establecer como mínimo unha área de protección de 200 metros na ladeira sur do xacemento.

Sobre a interrelación da Cova Eirós con outros elementos patrimoniais significativos da contorna.  A proposta de declaración da Cova Eirós como BIC presentada pola Xunta non fai mención tan sequera a outros elementos patrimoniais de extraordinaria importancia próximos ao xacemento e que forman parte dunha mesma área de interese cultural. Alén das Covas da Cabaxa e Graxeira, que posúen un interese potencial científico moi elevado, hai que ter en conta que a poucos metros da Cova Eirós discorre o Camiño francés a Compostela, outro elemento patrimonial de elevada significación que tamén está catalogado como BIC. Por outra parte, próximo ao xacemento discorre un Camiño Real da época romana, que a día de hoxe tamén se atopa afectado pola actividade da canteira.

Sobre a rexeneración e rehabilitación da contorna do xacemento.  A proposta de declaración de Cova Eirós como BIC debe engadir un capítulo no que a administración pública se comprometa a favorecer e a promover medidas de recuperación da capa vexetal do teito do xacemento arqueolóxico a protexer, que foi escavado ata os 50 metros da cova, danando de forma estrepitosa a súa coberta ou paraugas natural e favorecendo as filtracións de auga e o desgaste do interior da cavidade. É fundamental que a Administración amose a súa predisposición para sentar as bases legais que obriguen á rexeneración do teito da cova e da súa contorna, agora degradada pola actividade mineira. No canto de claudicar ante as actuais alteracións sufridas pola contorna do xacemento por mor da actividade mineira e perpetuar para o futuro ese estado de degradación permanente, a Xunta ten a obriga de promover medidas que procuren, non só a protección do xacemento e da súa contorna tal e como están, senón que visen a rehabilitación natural da zona de protección e de amortecemento, favorecendo a rexeneración do bosque autóctono, a recuperación dos solos eliminados e a estabilización do terreo afectado, desde o primeiro momento en que Cova Eirós sexa declarada Ben de Interese Cultural.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal