05-06-2017
"Unir as persoas coa Natureza" é o lema que a ONU propón para este Día Mundial do Medio Ambiente 2017. Mais no noso país, os modelos baseados no monocultivo forestal especialmente con eucaliptos, favorecidos e favorecedores do abandono do rural, fan que as persoas estean cada vez máis lonxe da natureza.
"Quen seremos nós sen os nosos bosques?", o lema co que dende as primeiras mobilizacións (ano 1988) contra a conversión dos nosos montes en eucaliptais propiciada polo primeiro Plano Forestal (aprobado en 1992), segue a ser válido hoxe. Mais cada vez resulta máis difícil reverter unha situación que levou a que apenas nunha xeración, o eucalipto pasara a ser o rei da floresta. Aresatora podemos dicir que a árbore máis frecuente no territorio galego é o eucalipto, que ocupa xa preto de 600.000 hectáreas.
Aquel plano forestal de 1992 deseñado a 40 anos vista, xa ultrapasou en apenas 25 a superficie máxima programada para o eucalipto en 40.000 ha (masas puras) e 190.000 ha (masas mixtas), segundo recoñeceu a Xunta. Pola contra, seguimos sen contar co inventario de masas de frondosas autóctonas, ferramenta fundamental para poder planificar non só medidas de conservación, senón tamén para deseñar estratexias de xestión que maximicen os beneficios do bosque autóctono.
Aquel plano favoreceu tamén a forestación con especies de crecemento rápido de hábitats de monte baixo, moitos deles de interese europeo e prioritario, que viron reducida a súa extensión en máis de 470.000 ha. Constatamos tamén a acelerada perda de superficie agraria útil, substiuida por repoboacións maioritariamente de eucalipto, e que os sindicatos agrarios cifran nunhas 30.000 hectáreas.
Á vista destas conclusións e dado o peso territorial do monte galego, entendemos que resulta imprescindíbel un pacto social para podermos reverter esta situación e evitarmos que en poucos anos, Galiza vire nunha inmensa plantación de eucaliptos dende Ortegal ao Miño e dende Fisterra ao Courel. Un monocultivo baleiro de xente e consumidor de recursos naturais para fornecer de madeira barata e pasta de papel ás metrópoles industriais europeas.
Xa que logo, se queremos conservar ás nosas florestas autóctonas, para como di a ONU "manter unidas ás persoas coa súa contorna natural" resulta imprescindíbel asumir actuacións urxentes, tanto medidas de choque como estruturais, no marco dun Pacto social polos nosos bosques.
-Conxelar a extensión de Eucaliptus globulus. No Estado o 94,8% das especies son autóctonas e as especies alóctonas representan o 4,59 % da superficie arborada, en Galiza é ao revés, o 75-80% son alóctonas (maioritariamente eucaliptos) e tan so o 20-25% son autóctonas. Segundo a Xunta, o eucalipto ocupa preto de 400.000 hectáreas, superando en 230.000 ha o previsto para 2032 no plano forestal. Cómpre declarar xa unha moratoria e impulsar un plano de erradicación desta especie, particularmente das terreas de cultivo.
-Prohibir a plantación de E. nitens: Pola súa capacidade e potencial invasor– demostrada con Informes do Ministerio de Agricultura e o Principado de Asturias- e por ser unha especie exótica e pirófitica, a plantación e extensión de Eucaliptus nitens pon en perigo o bosque clímax galego. Ademais debe elaborarse un Plan de control para levantar o Eucaliptus nitens plantado ilegalmente (máis de 30.000 ha) e fixar prazos para ir paulatinamente diminuíndo a súa extensión até cero. Como norma non se debería autorizar a introdución de novas especies forestais, até que os estudios científicos pertinentes, xunto coa conveniencia social e económica da súa introdución, demostren que non son invasivas. Cando unha especie sexa aceptada debería limitarse a súa extensión e zona de plantación durante algúns anos para ver a evolución.
-Fomentar as repoboacións forestais con especies propias do país. O impacto das actuais repoboacións forestais artificiais e intensivas é moi grande: reducen os hábitats naturais e seminaturais, a flora, aves, insectos, mamíferos... repercuten na calidade do solo, aumentan a erosión, compiten pola auga e invaden hábitats naturais. As caducifolias son especies clímax adaptadas ao medio, posibilitan a diversidade e existencia de flora e fauna silvestre, fertilizan e melloran o solo, regulan o ciclo hidrolóxico, son compatíbeis coa produción de varios usos: madeira, gandería, mel, cogomelos..., melloran a paisaxe e a saúde e son mais apropiadas no territorio en época de seca e idóneas en tempos de cambio climático. E por se fora pouco son de maior valor económico que compensa o seren mais lentas no crecemento... e ademais son as nosas!
-Aumentar a prevención na loita contra o lume. Os incendios forestais son unha forma de expansión espontánea de Eucaliptus globulus e de Eucaliptus nitens a costa doutros tipos de vexetación. Precisase contra os incendios un novo enfoque centrado na prevención, aplicación de normas estrictas nos cultivos forestais e sancións adecuadas aos infractores e incendiarios. Urxe adoptar unha serie de novas medidas orientadas á prevención:
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal