ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Arquivado o recurso xudical de INCA contra a...

25-05-2017

Arquivado o recurso xudical de INCA contra a paralización das obras do dique ilegal do Miño

O Tribunal entende que a resolución ministerial que ordea eliminar a ataguía dá por extinguido o acto recorrido por INCA

Tras ano e medio de intensas mobilizacións da plataforma “Lugo de Cara ao Miño” en contra do proxecto hidroeléctrico da Fábrica da Luz; tras ano e medio de múltiples recursos presentados por ADEGA aos distintos expedientes administrativos relativos a este proxecto insostible desde todos os puntos de vista; e tras terse iniciado xa o expediente de caducidade da concesión de augas para a explotación hidroeléctrica do Miño, por fin os tribunais comezan a pronunciarse en contra das intencións da empresa adxudicataria e do Concello de Lugo de darlle continuidade as obras.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de comunicarlle a ADEGA o arquivo da causa iniciada pola empresa INCA Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil SA, concesionaria da explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz de Lugo, contra a resolución da Confederación Hidrográfica Miño-Sil  do 25 de novembro de 2015, na que se suspendían cautelarmente as obras da polémica ataguía construída parcialmente no río Miño por entender que se estaban a realizar fóra do lugar previsto, sen autorización e incumprindo as condicións da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto. Neste procedemento, INCA demandaba a anulación da suspensión cautelar e que se permitise rematar as obras do dique ao considerar esta infraestrutura necesaria para o desenvolvemento do proxecto.

Nun momento da demolición do dique

Sen embargo, o TSXG desatende as súplicas de INCA e dálle a razón a ADEGA, personada no caso, e ao avogado do Estado, atribuíndo o arquivo da causa a unha “perda sobrevida do seu obxecto”. Segundo o Tribunal xa non ten obxecto recorrer unha medida provisional (a paralización cautelar das obras) que quedou extinguida tras a resolución do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio ambiente do 27 de setembro do pasado ano, que puxo fin á vía administrativa do proceso, e pola que se ordenaba a demolición da polémica ataguía. Tal e como alegaron ADEGA e a avogacía do Estado, xa non ten sentido que INCA reclame a anulación dun acto administrativo xa extinguido e a terminación dunhas obras que tampouco existen actualmente, logo de que o Concello e a propia empresa procedesen a dar cumprimento á orde ministerial que instaba ao derrubo da ataguía ilegal.

A Sá do contencioso-administrativo tamén rexeita os argumentos de INCA ao respecto de considerar a medida cautelar  de suspensión das obras como un acto independente da resolución do Ministerio de Medio Ambiente, resolución á cal debería ter recorrido INCA, en todo caso, para facer valer as súas demandas.

Finalmente, o TSXG dá por pechado o recurso contencioso-administrativo iniciado por INCA e deixa sen efecto a práctica da proba pericial que ía ter lugar o vindeiro venres, 26 de maio, ofrecendo ás partes un prazo de 5 días para presentar recurso de reposición.

A Confederación Hidrográfica rexeita outro recurso do Concello

E mentres INCA recibe un novo varapau xudicial, o Concello de Lugo obtén un novo revés por parte da Confederación Hidrográfica. O organismo de bacía desestima o recurso de reposición presentado polo Concello de Lugo contra a resolución deste organismo do 23 de xaneiro deste ano, pola que lle impoñía ao Concello unha multa de 5.000 € por ter efectuado as polémicas obras da ataguía tamén fóra da época de estiaxe e, por tanto, incumprindo as condicións da concesión de augas outorgada para a explotación da Fábrica da Luz. Neste caso, o Concello de Lugo tamén  ten a posibilidade de presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal