ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Recollida de sinaturas para instar á UNESCO a...

24-05-2017

Recollida de sinaturas para instar á UNESCO a paralizar as obras nos Camiños de Santiago

Xa vai un ano desde que o Foro do Camiño Primitivo denunciou publicamente o grave deterioro que as obras de “acondicionamento” promovidas pola Axencia Galega de Turismo están a provocar en todos os Camiños históricos de Santiago. Sen embargo, ata o momento, nin a Xunta, nin os concellos, nin ICOMOS-España se moveron un ápice para frear estas agresivas intervencións malchamadas “obras de mellora” que, en realidade, están a eliminar o carácter tradicional e rústico das sendas primitivas a Santiago.

É por iso que o Foro do Camiño, conformado por unhas 30 organizacións defensoras do patrimonio, do ambiente e da cultura, vén de lanzar a través da plataforma change.org unha campaña de recollida masiva de sinaturas que dirixirá directamente á UNESCO, o máximo órgano responsable dos bens Patrimonio da Humanidade, para que a institución interveña e inste á Xunta a paralizar de xeito inmediato as sinaladas obras da Axencia Galega de Turismo. A petición “UNESCO: paralice as obras de destrución do Camiño de Santiago” intenta achegar información sobre este atentado patrimonial e cultural máis alá das nosas fronteiras, a través de internet, ds redes sociais (#oCamiñoNONsedestrúe) e da plataforma Change.org, onde se recolle a petición en español e en inglés, ademais de en galego:  https://www.change.org/p/secretaria-esicomos-org-unesco-paralice-as-obras-de-destrución-do-camiño-de-santiago-ocamiñononsedestrúe

Un ano de pasividade e indiferenza por parte das Administracións Públicas e do ICOMOS

Desde hai máis de un ano, o Foro do Camiño vén recibindo queixas de peregrinos, veciños, asociacións e outras entidades que, alertadas polas drásticas intervencións que está a sufrir o  Camiño e das que son testemuñas, acoden a nós para demandar axuda de cara a conquerir a paralización inmediata das obras. Unhas obras que nos últimos meses desfixeron e desnaturalizaron grande parte dos trazados tradicionais dos Camiños Norte e Primitivo, que pronto cumprirán dous anos como Patrimonio da Humanidade. Durante este tempo, ningunha das administracións públicas ou institucións consultas, algunhas mesmo admitindo a gravidade da situación, foi capaz de dar un paso a prol da paralización das obras que están a converter moitos treitos dos Camiños de xeito irreversible en pistas de varias capas de saburra artificial e de cemento, coa rasante do terreo, calzadas e antigas drenaxes modificadas, sen vexetación natural, atravesados por gabias de formigón e saturados de fitos de sinalización agresivos e inoperativos que non deixan rastro do carácter rural e tradicional que caracteriza estas vías históricas de peregrinaxe.

En primeiro termo, o Foro do Camiño trasladou a súa petición de paralizacióin das obras á Xunta de Galicia, que paradoxalmente é a administración competente en velar pola boa conservación e protección destes bens públicos e, ao tempo, a mesma que inexplicablemente promove a intervención de pás e escavadoras nun Ben de interese cultural e Patrimonio da Humanidade. Ante a indiferenza da Administración autonómica e tamén da local, en segundo termo acudimos ao ICOMOS-España, o organismo  estatal que ten como obxectivo promover a aplicación dos criterios de conservación e protección dos bens declarados como Patrimonio da Humanidade. En agosto do ano pasado, tras unha reunión coa súa representante en Galicia, fixemos chegar a este organismo un informe no que se debruzaban os feitos e se explicaban os motivos polos cales o ICOMOS debería interceder urxentemente ante a Xunta para paralizar as obras. Sen embargo, a día de hoxe tampouco obtivemos resposta nin reacción algunha por parte do ICOMOS-España, algo que consideramos impropio deste organismo dada a evidencia do dano que se está a acometer nun ben Patrimonio da Humanidade.

A sociedade local e internacional debe apelar á reacción da UNESCO

Para máis incongruencia, logo destas agresivas intervencións, a administración galega inviste novas partidas de fondos públicos para o teórico control das súas propias obras e mesmo na creación de organismos para a integración paisaxística dos camiños de Santiago cuxa desfeita eles mesmos impulsaron.

Dadas as circunstancias e que as obras continúan a desenvolverse sen freo, só nos queda reclamar o apoio da sociedade galega, estatal e internacional e, en definitiva, de todas aquelas persoas que, como nós, consideran que estas obras deberan ser inmediatamente interrompidas, coa esperanza de que a presión social faga reaccionar finalmente á UNESCO. Se non facemos algo axiña, a Xunta acabará por destruír, en nome da turistificación masiva e do urbanismo salvaxe, o pouco que queda xa da esencia, da historicidade e da natureza dos Camiños a Santiago. Acabará matando a “galiña dos ovos de ouro”.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal