ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O estado concede outros 360 MW hidroeléctricos a...

25-05-2017

O estado concede outros 360 MW hidroeléctricos a GN-Fenosa na reserva da biosfera Gerês-Xurés

Franco inaugurando o encoro das Cunchas (1949)

O estado vén de publicar a declaración de impacto ambiental da central reversíbel en caverna que unirá os encoros de Salas e As Cunchas, na bacía do Limia. Serán 74 meses de obras; máis de un millón de metros cúbicos de entullos estrados na reserva da Biosfera Gerês-Xurés a razón de 327 viaxes de camión diarias; baixadas de caudal durante meses nos dous encoros; riscos de eutrofización; eliminación física de 153 hectáreas de hábitats protexidos e afección a endemismos e especies en perigo de extinción... Todo para que GN-Fenosa siga espremendo dúas concesións franquistas (1949 e 1942) até esgotar os 99 anos de vixencia e, de paso, rendibilizar convertendo en "verde" a electricidade (mesmo nuclear) que non pode colocar no mercado ao prezo que lle convén. Un "branqueo" en toda regra de megawatios suxos co calote do bombeo, mentres a cidadanía galega segue a asumir os impactos e pagando a electricidade máis cara do estado.

As mentiras de GN-fenosa para xustificar este novo espolio

GN-Fenosa xustifica o proxecto agora aprobado atendendo ás seguintes razóns:

-“Gestión de valles y puntas de demanda”: Pretende facer ver que a electricidade que non se consome “pérdese”, esquecendo que xunto á xestión da demanda (que debería ir orientada á redución), deberiase incidir tamén sobre a oferta, reducindo a xeración cando non se precise. Mais GN-Fenosa non pensa reducir a xeración (como amosa este proxecto), ben ao contrario: pretende aumentar a produción co único e pouco disimulado obxectivo de rendibilizar unha enerxía que nun momento dado non pode colocar no mercado ao prezo que quere en lugar de aforrar a súa xeración.

-“Puntas ocasionales en la producción de renovables”: Esta é a típica xustificación de moitas centrais de bombeo: aportar “constancia” ao subministro fronte ás “irregularidades” na produción dalgunhas renovábeis, especialmente a eólica. Mais algunhas das “non renovábeis” tradicionalmente consideradas como garantistas do sistema pola súa estabilidade, tamén están suxeitas a variacións: razóns económicas, políticas etc. poden condicionar de xeito determinante os prezos e a dispoñibilidade destas enerxías no mercado, alén dos incidentes que poidan obrigar, como aconteceu en Xapón despois de Fukushima, a apagar todas as nucleares. Porén, GN-Fenosa na documentación do proxecto non oculta cal vai ser o ciclo de operacións (ver figura lateral).

Como vemos, lonxe de atender ás puntas ocasionais de renovábeis, o réxime de funcionamento (bombear fins de semana e noites dos días úteis, turbinando de mañán) deixa claro o verdadeiro obxectivo do proxecto: colocar no mercado en horario laboral, cando o prezo é máis alto, a enerxía acumulada por bombeo en momentos de baixa demanda no encoro superior (Salas). Ulas as supostas puntas de produción das renovábeis? Ou é que o vento sopra máis pola noite e días feriados que polas mañáns?

Mais cómpre avaliar tamén a procedencia da enerxía coa que se bombea a auga dun encoro (Cunchas) ao outro (Salas). GN-Fenosa di que “la electricidad almacenada en los momentos de menor demanda vendrá gereralmente de un ‘mix’ de generación baijo en C –eólica y nuclear- con menor participación de los ciclos combinados de gas”. Portanto, non son unicamente as renovábeis as responsábeis deste “exceso” de produción non colocado. Tamén as nucleares e as centrais de gas (megawatios suxos) contribúen a xerar a electricidade (non renovábel e contaminante) que é usada para bombear a auga, que logo ao ser turbinada é convintemente “lavada” en megawatios “limpos” e colocada no mercado a un prezo superior.

-“Autoabastecimiento”: GN-Fenosa non considera o ámeto galego, no que desenvolve a súa produción, como referenza válida. Cando fala de “autoabastecemento” refírese exclusivamente ao español. Por que non o ámeto peninsular ou europeo? De facelo comprobaría que o noso país é excedentario na produción de electricidade e que a demanda industrial e urbana está por baixo da capacidade de produción das centrais do país. GN-Fenosa esquece tamén que o autoabastecemento cómpre ligalo ao aforro e á eficiencia. Ao aforro porque a millor enerxía é a que non é necesario producir, e tendo a acadado Galiza a suficiencia eléctrica (cunha importante porcentaxe de renovábeis, ao contrario que outros lugares do estado) non precisaría producir máis. E á eficiencia, porque alén de que o bombeo ten un déficit enerxético neto de arredor do 30%, a electricidade producida non vai ser consumida polo tecido económico galego senón que será exportada á meseta, engadindo outro 30% ás perdas durante o transporte.  

Con este novo agasallo, o governo español segue acrescentando os beneficios de GN-Fenosa e afortalando a súa “unidade de destino” co oligopolio eléctrico. Como reliquias do franquismo, as concesións hidroeléctricas seguirán producindo megawatios até o último momento, algunhas reconvertidas en centrais de bombeo para permitir aos seus promotores seguir “lavando” megawatios suxos e especulando co prezo da enerxía. E preparando as cadeiras para o dourado retiro dos políticos xa amortizados, en atención aos servizos prestados.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal