ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A empresa INCA retira a demanda contra 9...

10-03-2017

A empresa INCA retira a demanda contra 9 activistas de Lugo de Cara ao Miño e ADEGA

Activistas denunciados tras coñecer a retirada da demanda

A empresa INCA retráctase e retira a última hora a demanda contra as 9 persoas da plataforma Lugo de Cara ao Miño e de ADEGA que acudían hoxe aos tribunais para ser xulgados por presunta coacción contra o administrador único da mercantil, Miguel García Gesto. O propio xuíz do Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo trasladou formalmente esta comunicación aos afectados/as na sala do tribunal pouco despois de terse celebrada unha concentración veciñal diante dos xulgados en solidariedade coas persoas denunciadas e na defensa do río e das liberdades de expresión, manifestación e denuncia.  

Lugo de Cara ao Miño interpreta esta retirada da demanda como o recoñecemento explícito por parte de INCA e do administrador único e denunciante, Miguel García Gesto de que, tanto as persoas denunciadas como a plataforma Lugo de Cara ao Miño no seu conxunto, actuamos en todo momento de forma pacífica e sen ningunha intención de coacción na concentración do pasado 30 de agosto a pé de río, realizada pola plataforma coa única intención de poñer de relevo a existencia dunha especie en perigo de extinción, o nenúfar de río, no lugar no que se ían efectuar as obras dunha nova ataguía por parte da mercantil e do Concello de Lugo. Pensamos que  esta e as anteriores demandas de García Gesto contra os membros desta plataforma só responden a un intento de prexudicar a imaxe pública do colectivo e de amedrentar a mobilización social na defensa do río Miño e a todas aquelas persoas críticas co proxecto hidroeléctrico da Fábrica da Luz do que é adxudicatario. Lembramos que ademais desta última demanda, García Gesto xa cursou outras dúas querelas contra esta plataforma e contra ADEGA nos xulgados de Lugo: unha delas foi arquivada e a outra está vista para sentenza tras o xuízo do 3 de febreiro contra tres membros da plataforma, tamén denunciados por presunta coacción.

Sentimos que o Sr. García Gesto recorra a este tipo de manobras de distracción cando debería poñer máis empeño en cumprir coa lexislación vixente en materia medioambiental e de augas á hora de executar as súas obras. Hai que lembrar que a empresa INCA comezou as obras do frustrado dique no río Miño en novembro de 2015 sen a preceptiva autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, fóra da época de estiaxe e contrariando o establecido no proxecto e na Declaración de Impacto ambiental, motivos polos que o Ministerio de Medio Ambiente ordeu ao Concello de Lugo derrubar a ataguía e pagar unha multa e indemnización que xa suma os 215.000 euros, e que, por conseguinte, teremos que pagar os veciños e veciñas de Lugo. 

E mentres que nós non cometemos ningunha irregularidade, paradoxalmente, as persoas que defendemos a legalidade, o medio natural e os bens colectivos, somos as que estamos postas en tea de xuízo e obrigadas a sentarnos no banquiño dos acusados para dar explicacións sobre acusacións falsas por parte, precisamente, daqueles que descaradamente faltan á lei. Consideramos que este tipo de situacións non son propias dun estado democrático e de dereito, como tampouco cremos xusto que se utilicen os escasos recursos da xustiza para arremeter de forma reiterada e sen fundamento contra colectivos sociais e veciños de Lugo.

A minicentral da Fábrica da Luz, sentenciada de morte

Concentración de apoio ás persoas denunciadas

Lugo de Cara ao Miño tamén atribúe estes ataques da empresa INCA contra a plataforma a un intento de desviar a atención sobre o que está acontecendo no seo administrativo relativo ao proxecto da Fábrica da Luz. Nesta semana coñeciamos que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil abre a vía á extinción da concesión de augas ligada ao proxecto da minicentral e á denegación da prórroga solicitada polo Concello de Lugo para facer as obras. Tal e como esta plataforma advertiu, o Organismo de Bacía confirma que o pasado 12 de novembro venceu o prazo establecido na concesión para a execución das obras relativas á minicentral da Fábrica da Luz, causa pola que se debe declarar caduca a concesión. Así mesmo, argumenta que o Concello de Lugo non cumpriu cos requirimentos formais para a solicitude de prórroga polo que esta se debe denegar. Aínda que falta un ditame firme por parte da Confederación, tampouco a lexislación vixente permite ao organismo de bacía resolver sobre unha solicitude de prórroga unha vez vencido o prazo sobre o que se pretende a ampliación. Polo tanto, a Confederación non terá máis remedio que iniciar un expediente de caducidade da concesión de augas da Fábrica da Luz.

Mentres tanto, o proxecto segue paralizado e á agarda do pronunciamento da Xunta de Galicia sobre a proposta ambiental e de medidas correctoras presentada polo Concello de Lugo e pola empresa INCA para minimizar o impacto das pretendidas obras sobre a presenza de nenúfares en perigo de extinción e de diversas especies de mexillóns ameazados na zona de actuación. Precisamente, a presenza daquelas especies protexidas sobre a que alertou a plataforma “Lugo de Cara ao Miño” na concentración a pé de río celebrada o pasado 30 de agosto e pola que INCA denunciou a varios activistas.

No obstante, a presenza na zona destas especies protexidas sen avaliar compromete de forma taxante a realización das obras e, por tanto, o proxecto, xa que o impacto que alí se prevé é totalmente inasumible desde o punto de vista ambiental. Ademais, consideramos que o requirimento de novos informes ambientais ao titular da concesión por parte da Xunta de Galicia é tan só un paripé para intentar emendar os defectos da Declaración de Impacto ambiental (DIA) que foi incomprensiblemente avalada polos informes favorables da antiga Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Pese a que tanto ADEGA como esta plataforma advertimos reiteradamente ás distintas administracións de que a DIA era incompleta e falta de rigor, tal e como despois viñeron a confirmar os feitos, todas desatenderon a nosa reclama de revisión da avaliación de impacto ambiental e deron continuidade ao proxecto ata que non tiveron máis remedio que paralizar as obras.  

Por tanto, desde a plataforma estamos convencidos/as de que o proxecto hidroeléctrico da Fábrica da Luz non vai ter máis percorrido e que xa está sentenciado de morte. En calquera caso, Lugo de Cara ao Miño seguirá vixilante na defensa do río Miño e dos seus valores naturais.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal