ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Nova denuncia penal contra integrantes de ADEGA e...

22-02-2017

Nova denuncia penal contra integrantes de ADEGA e da plataforma Lugo de Cara ao Miño

A empresa INCA, adxudicataria das obras e da explotación da minicentral da Fábrica da Luz de Lugo, presenta unha nova denuncia penal contra varios membros de ADEGA e da plataforma "Lugo de Cara ao Miño" por presunta coacción e por invadir supostamente unha propiedade que tiña alugada o pasado día 30 de agosto. Este día, a Policía Nacional, identificou a 9 persoas á petición da empresa, cando estaban a realizar unha concentración pacífica ás beiras do río Miño para poñer de relevo o impacto que a nova ataguía prevista por INCA ía exercer sobre unha especie en perigo de extinción, o nenúfar de río, que naquel momento abranguía toda a zona de actuación, na marxe dereita do Caneiro da Luz.

Paralelamente, aquel día e no mesmo lugar, a empresa INCA mantiña unha reunión con representantes da Confederación Hidrográfica, Xunta e do Concello. Ao lugar acudiron tamén, supostamente requeridos pola empresa, axentes da Policía Nacional, Policía Local, Policía autonómica e do Seprona, sen que en ningún momento os axentes dos diferentes corpos de seguridade advertiran aos membros da plataforma que estaban a acometer algunha infracción, falta ou delicto ou que estivesen a invadir un espazo privado. A este respecto, as persoas identificadas, permaneceron en todo momento en zona de dominio público e, segundo explicaron hoxe en rolda de prensa, “onde estabamos concentrados non había ningunha sinalización nin peche perimetral das obras que indicase que nesa zona estaba prohíbido estar”.

A plataforma insta a declarar a M. García Gesto persoa non grata en Lugo

As denuncias efectuadas contras as persoas que forman parte da plataforma Lugo de Cara ao Miño están baseadas nun suposto delito de coaccións, pero en ningún momento estas interromperon o paso ou a circulación sobre o terreo dos representantes da empresa ou das distintas administracións, nin tampouco intercambiaron palabras con eles, polo que non se entende como a empresa INCA pode alegar presunta coacción. Alén disto, quen formula a denuncia penal é o administrador único da empresa, M. García Gesto, quen non estivo presente no lugar dos feitos.

En rolda de prensa, e no nome dos denunciados e da Plataforma "Lugo de Cara ao Miño, falou Xosé Manuel Brea quen instou ao Concello a declarar a M.García Gesto persoa non grata en Lugo por verter reiteradamente falsas acusacións sobre veciños e veciñas da cidade que só procuran a defensa do río Miño e dun espazo natural protexido, como é o LIC Parga-Ladra-Támoga, onde están previstas as obras. Lembremos que a comezos de febreiro, outros 3 membros da plataforma "Lugo de Cara ao Miño" foron xulgados no Xulgado de instrución nº 1 de Lugo, á raíz dunha denuncia penal de García Gesto tamén por presuntas coaccións nunha concentración da plataforma a pé do río o pasado 15 de decembro de 2015. Un anterior procedemento do que polo de agora non se coñece sentenza.

As persoas chamadas a declarar desta volta manteñen que a protesta pacífica do día 30 de agosto trataba de chamar a atención sobre o impacto que as obras previstas ían supoñer para un importante valor natural da zona, nada menos que unha especie en perigo de extinción, como así constatou posteriormente a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, motivo polo que non se puideron desenvolver as obras desa nova ataguía no lugar escollido.

Desde ADEGA e desde a plataforma "Lugo de Cara ao Miño" consideramos indecente por parte da empresa que recorra a estas artimañas de amedentramento do movemento veciñal na defensa do río Miño e advertimos que ningunha denuncia penal vai frear o noso obxectivo, que non é outro que "traballar a favor do río, do medio ambiente e da cidade de Lugo”. Ademais, queremos resaltar que polo de agora os feitos e o tempo vannos dando a razón, xa que finalmente o Ministerio de Medio Ambiente constatou a ilegalidade da ataguía contra a que protestamos durante 2016, executada na marxe esquerda do Caneiro da Luz, e que xa foi retirada por imperativo desta institución.

As persoas denunciads desta segunda volta polo administrador único da empresa INCA, M. García Gesto, serán sometidos a xuízo o vindeiro 10 de marzo, ás 10 horas, no Xulgado de Instrución nº1 de Lugo.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal