ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Batidas de lobo en Cotobade: por que din...

12-02-2017

Batidas de lobo en Cotobade: por que din "controis" cando queren dicir exterminio?

ADEGA tivo acceso a unha gravación que proba a actuación irregular da Xunta ao autorizar "controis poboacionais" recorrentes (3 nos últimos 4 meses) nos montes de Cotobade. Oficialmente non se abatíu lobo algún, polo que a Xunta seguíu dando permisos.

ADEGA ten probas de que a loba que aparece neste video tería sido abatida semanas atrás nos montes de Cotobade, precisamente no mesmo lugar para que este domingo 12 de febreiro a Consellaría de Medio Ambiente autorizou unha nova batida. Trátase do terceiro "control poboacional" nos últimos 4 meses, nos que oficialmente non se tería abatido ningún lobo. De feito esta nova batida xustificouse polos resultados negativos das anteriores.

Mais esta e outras probas coas que conta ADEGA, que xa puxemos en coñecemento do SEPRONA de Pontevedra e engadiremos á denuncia presentada diante da Fiscalía do TSXG, demostrarían que con esa loba morta ilegalmente, altéranse gravemente as condicións xustificativas da autorización do último "control" concedido pola Xunta.
ADEGA tiña solicitado a suspensión desta última batida diante da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (antes Conservación da Natureza) ao termos constancia de que a administración dispuña desta información e había tempo suficiente para anular o permiso. Lamentabelmente, a batida estase (por este domingo) a celebrar, feito que outra volta proba o desleixo e a actuación irregular da administración, que podería estar incorrendo nun presunto delicto de prevaricación.

Precisamente esta é a razón pola que ADEGA vén de denunciar ante a Fiscalía as autorizacións discrecionais de cacerías de lobos por parte da Xunta, e este novo caso engádese aos escándalos (Friol, Barbanza...) arredor deste tipo de autorizacións fraudulentas, eufemísticamente chamadas "controis" e que só perseguen o exterminio total do lobo.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal