ADEGA

Inicio / Novas / Todas / 456 persoas retiramos preto de 10 tn de residuos...

01-10-2013

456 persoas retiramos preto de 10 tn de residuos na VI limpeza simultánea de ríos

A pesares do tempo que nos acompañou nesta fin de semana, fomos novamente moitas as persoas as que nos mollamos polos ríos na VI Limpeza simultánea. Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.

Recollemos refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas de automóbiles, paragolpes, cristais e asentos, e os electrodomésticos tampouco faltaron, con tambores de lavadoras e televisións. Apareceu tamén algunha uralita, roupa, calzado... Algúns dos grupos se adicaron tamén a manter os sendeiros de pescadores.

Calculamos que os residuos de tódolos concellos suman perto de 10 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

37 concellos e 44 entidades de todo o país

A VI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” se celebrou este ano en 37 concellos de toda Galiza, e participarán un total de 44 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 7 concellos que organizan directamente esta actividade.

As condicións meteorolóxicas non foron as máis axeitadas para celebrar esta actividade, polo que queremos agradecer o esforzo do voluntariado por, apesares da choiva, saír a limpar o río. Algúns colectivos e concellos adiaron a actividade para o próximo domingo, polo que tamén agradecemos o esforzo que supón convocar dúas veces a mesma actividade.

Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Para esta actividade contamos coa colaboración de Confederación Hidrográfica Miño-Sil, asi como os concellos de A Estrada, Ames, Allariz, Arbo, Cambre, Carballo, Cuntis,  Fene, Gondomar, Lugo, Muxía, Poio, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, San Sadurniño e Teo.

Para levar a cabo a actuación reeditouse o protocolo de limpeza de ríos co fin de ofrecer unhas pautas sobre cómo se debe facer unha limpeza ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Tamén se agasallou aos/ás voluntarios/as con unhas camisolas co lema da limpeza. Actualizouse a páxina web para a limpeza http://limpeza.proxectorios.org/  onde se especifica que é a limpeza, onde se celebraron, os contactos dos/das coordenadores/as, e as entidades participantes e financiadores.

Ao longo desta semana publicaremos na web do Proxecto Ríos: www.proxectorios.org e na web específica da limpeza: http://limpeza.proxectorios.org/ un informe coas conclusións finais desta actividade, así como as fotos da xornada da limpeza que aínda estamos a recibir dos grupos participantes.

Queremos voltar a agradecer a todo o voluntariado galego o seu compromiso cos nosos ríos, un ano máis a sociedade galega mollouse polos ríos! GRAZAS A TODOS/AS

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal