ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 41 Asemblea de ADEGA: Nova directiva, propostas...

31-01-2017

41 Asemblea de ADEGA: Nova directiva, propostas de resolución, entrega dos premios Osíxeno e celebración dos 40 anos

Este 20 de febreiro celebramos na Coruña a nosa 41 Asemblea Xeral. Celebramos tamén os actos comemorativos dos 40 anos, aprobamos varias propostas de resolución, anovamos a Directiva e entregamos os premios Osíxeno 2016.

Propostas de resolución da 41 Asemblea

En memoria de Berta Cáceres e das persoas asasinadas defendendo o ambiente: A Asemblea de ADEGA quere solidarizarse coa familia e contorna de Berta Cáceres, activista ambiental contra os abusos das transnacionais asasinada o pasado ano en Honduras, e coas familias das demáis persoas asasinadas por defender a Terra. Condeamos tanto estas mortes como todos os crimes acontecidos en 2016 contra persoas que defendían o ambiente e os dereitos humanos e esiximos xustiza e investigacións independentes.  

Para salvar os nosos bosques autóctonos, prohibición do Eucaliptus nitens
: A Asemblea de ADEGA exixe que o Eucaliptus nitens, “especie exótica en expansión, con alto risco de invasión e perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas”, como resolveu o Comité científico do Ministerio español do ambiente, sexa incluido no Catálogo estatal de especies exóticas e invasoras. En consecuencia, tanto o estado como a Xunta deberían prohibir a plantación, trafego e aproveirtamento desta especie para preservar a integridade do noso patrimonio natural.  

Contra o expolio eléctrico, unha Axencia enerxética galega e pública: 
Perante o oligopolio enerxético que está a provocar, coa complicidade dos governos, que unhas poucas compañías condeen á pobreza enerxética a milleiros de persoas, a Asemblea de ADEGA propón á Xunta a conversión do INEGA nunha axencia pública galega da enerxía. É posíbel que o aproveitamento das fontes de enerxía renovábeis, das que o noso país dispón de importantes recursos, revirta no beneficio da cidadanía e do ambinete, particularmente cando se insira nunha nova política transversal de autoprodución, eficiencia enerxética e loita contra o cambio climático. Apoiar as iniciativas que reduzan as emisións á atmosfera como o auto-consumo e favorecer a xeración a pequena escala preto dos lugares de consumo deberían ser tamén obxectivos desta Axencia.
Só a corrupción e as portas xiratorias explican o mantemento dun sistema eléctrico inxusto para a cidadanía e lesivo para o ambiente galego.

Entrega dos premios Osíxeno 2016 e celebración dos 40 anos

No decurso do xantar de confraternización da 41 Asemblea fixemos entraga dos Premios Osíxeno 2016. Foron premiados/as na categoría individual a avogada do Comité Cidadán de Emerxencia para a ría de Ferrol Patricia Gabeiras e na categoría colectivo a cooperativa Ribeiregas. Como premio Osíxeno de Honra 2016, nestes 40 anos quixemos recoñecer o labor de Ramón Varela, ex-presidente de ADEGA, militante histórico da organización e un dos máximos expertos en contaminación ambiental en Galiza.
A todos/as, premiados e asistentes, moitas grazas!

Xa na sesión de tarde no Quiosco Alfonso, tiveron lugar os actos festivos e de comemoración dos 40 anos da organización. Baixo o título de "ADEGA na crise dos 40", contamos coa colaboración de Pilocha, Lois Pérez, Ecogaiteiros (Moncho do Orzan, Xiana de la Peña e Xandro García) e moi especialmente con Lucecús Teatro que guiaron o acto. Agradecer tamén ao concello da Coruña o soporte para a realización deste acto, e a todos/as os asistentes socios/as e simpatizantes, a súa presenza e apoio.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal