ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 1 millón de m3 de augas residuais mineiras...

04-11-2016

1 millón de m3 de augas residuais mineiras ameazan a ría de Noia

A volta á explotación do histórico xacemento de estaño-wolfram de San Fins (Lousame), hoxe propiedade da mineira "Tungsten San Finx SL" (Grupo SACYR) pode supoñer unha nova ameaza ambiental para toda a ría de Noia. Xa en 2008 o reinicio da actividade mineira foi obxecto de denuncia por non ter sometido a información pública o preceitivo Estudo de Impacto Ambiental. Agora a empresa vén de solicitar permiso a Augas de Galiza para verter no medio  arredor de 1 millón de metros cúbicos anuais de augas residuais mineinas procedentes das galerías inundadas e da escorrentía das entulleiras.

Estas augas residuais mineiras, con elevada acidez e altos contidos de metais pesados, serían vertidas (previo tratamento) ao rego de San Fins, que desauga no Vilacoba e finalmente na ría de Noia. Malia a que a empresa insiste en que as augas residuais que pretende verter cumprirán cos límites legais de contaminantes, as analíticas que manexa Augas de Galiza (e que figuran na documentación do proxecto) din o contrario: mesmo a 1,5 km augas abaixo da mina os níveis de Cd (cadmio), Cu (cobre) e Zn (cinc) disoltos sobardan os límtes máximos fixados nas Normas de Calidade Ambiental (NCA) do RD 817/2015. E iso denantes de que a mina funcione a pleno rendemento...

Porén a empresa asegura que o millón de metros cúbicos que verterá polo río abaixo até a ría cumprirán cos níveis de calidade esixidos, para o que disporá dunha balsa e dun substrato filtrante con calcaria para reducir o pH. E o punto de vertido final levará estas augas até a vella balsa mineira actualmente ateigada de sedimento e con risco de derrubamento, sobre a que a empresa declina toda responsabilidade.
Hai precedentes históricos de graves danos aos ecosistemas fluviais polas verteduras desta instalación: Nos anos 50 do pasado século, a vella balsa que aínda existe na actualidade e ameaza con derrubarse en calquera intre, crebou esterilizando a vida río abaixo case até a vila de Noia.

Altos níveis de metais pesados, que mesmo multiplican por 28 os máximos legais

Perante esta ameaza, en maio deste ano membros de ADEGA desprazámonos até a mina de San Fins. Realizamos unha mostraxe das augas en 3 puntos: Na mesma bocamina (Buenaventura), na histórica balsa de lamas de 5 hectáreas que xa se derrubara nos anos 50 do século pasado, e augas abaixo do muro desta balsa.

Os resultados son consistentes cos obtidos polas analíticas en poder de Augas de Galiza e amosan níveis de Cd (cadmio, substancia perigosa e prioritaria); Cu (cobre, substancia preferente) e Zn (cinc, substancia preferente), que mesmo chegan a multiplicar por 28 (caso do Cd), por 8,4 (Zn) e por 7 (Cu) os máximos establecidos nas normas de calidade ambiental (RD 917/2015).
Outros metais pesados como o As (arsénico), Ni (níquel) e Pb (chumbo), amosan valores altos mais por debaixo do límite legal.
Como é de esperar, obsérvase tamén unha progresiva diminución na concentración destes contaminantes dende a bocamina á balsa e finalmente ao rego, mais con todo 3 metais pesados, un deles moi perigoso e de interese prioritario (Cd) seguen estando por riba do permitido para garantir un bo estado das augas continentais. Mesmo mostraxes realizadas por Augas de Galiza a 1,5 km augas abaixo da mina, amosan aínda altos valores de Cd, Cu e Zn.
Lembremos que estes metais pesados son bioacumulativos e tenden a concentrarse nos tecidos dos seres vivos ao longo de toda a cadea trófica, polo que só é cuestión de tempo que acaben provocando alteracións fisiolóxicas e mesmo xenéticas.

O risco cero non existe: a mina é unha espada de Damocles sobre a ría de Noia

ADEGA reclama da administración hidráulica galega a denegación da solicitude de "Tungsten San Finx SL" para verter 1 millón de m3 de augas residuais mineiras cada ano á ría. A natureza dos efluentes que a explotación leva vertendo durante anos ao medio (que agora pretende incrementar exponencialmente), e as ridículas medidas de contención, provocarán o lento envelenamento dun ecosistema valiosísimo do que dependen milleiros de persoas.
E por moitas medidas de contención que se poñan, o risco dun accidente nunca será cero. Tendo en conta os precedentes históricos, cando hai 60 anos a vella balsa que aínda acumula milleiros de toneladas de lodos tóxicos crebou arrasando todo río abaixo, este risco nunca poderá compensar os supostos beneficios que a mina deixaría na comarca. Canto vale para a Xunta a seguranza e a saúde de toda unha ría?

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal