03-11-2016
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar os dous recursos contencioso-administrativos que varias entidades do FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO interpuxemos contra a Dirección Xeral de Patrimonio por entender que a delimitación oficial do Camiño Primitivo vulnerou a Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago. En 2013, sete entidades culturais, sociais e ecoloxistas que forman parte do FORO DO CAMIÑO (ADEGA, Asociación Galega dos Camiños de Santiago, Lugopatrimonio, Asociación A Espalladoira, Asoc. De Amigos do Patrimonio de Castroverde, Padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada e a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas), reclamaron ante o TSXG a anulación da delimitación oficial do Camiño Primitivo por terse elaborado en base a criterios fraudulentos e non obxectivos, no canto de teren primado os criterios establecidos na Lei dos Camiños de Santiago, como son a autenticidade ou a historicidade da traza histórica das rutas medievais. Esta delimitación consolidaba os desvíos por estrada e as apropiacións irregulares da calzada, coa conseguinte destrución da súa paisaxe cultural asociada á vía primitiva. Así mesmo, o FORO demandaba a corrección da delimitación en certos treitos concretos con criterios técnicos motivados e onde primaba a protección do territorio histórico, a súa conservación, rehabilitación e recuperación. Ata o momento, a Xunta non ten recuperado nin un só metro dos treitos deturpados da vía medieval.
Porén, a resolución do Tribunal Superior desestima todos os argumentos do FORO DO CAMIÑO e asume, case por completo, o enfoque da Xunta de Galicia sobre a “realidade dinámica” do Camiño e a definición da súa traxectoria física a criterio discrecional do lexislador. O Tribunal considera que, en tanto existe un baleiro legal na Lei de protección dos Camiños de Santiago polo cal non se establece con exactitude os límites dos criterios xurídicos a aplicar para a delimitación das vías xacobeas, esta debe realizarse a criterio discrecional do goberno autonómico de quenda. Deste xeito, o TSXG sitúa o valor científico da historicidade e autenticidade da ruta xacobea nun nivel igual ou inferior de importancia a outros criterios non obxectivables ou de carácter comercial, económico, turístico ou de interese privado.
Desde o FORO DO CAMIÑO consideramos que este fallo asenta unha grave xurisprudencia e un perigoso precedente na definición oficial das rutas xacobeas, ao contradicir o postulado fundamental de carácter legal que incide na necesidade de salvagardar o Camiño como Ben de Interese Cultural, e que é o de facer prevalecer a historicidade e autenticidade das vías xacobeas como valores prioritarios na súa delimitación. Así pois, ao noso entender, as consecuencias deste fallo son as seguintes:
Aínda cabendo recurso contra esta sentenza perante o Tribunal Supremo ou recurso de reposición no propio TSXG, as entidades recorrentes do FORO DO CAMIÑO deben renunciar a esta posibilidade debido á carestía económica que ditos recursos supoñen para estes colectivos sen ánimo de lucro.
Non obstante, a nosa loita na defensa das trazas históricas e dos valores que conformaron a esencia dos Camiños de Santiago non remata aquí. O FORO DO CAMIÑO solicitará a intervención da Fiscalía en materia de protección do patrimonio cultural dos Camiños e presentará denuncia no organismo internacional da UNESCO e no Consello de Europa, recabando ademais a colaboración das federacións de asociacións xacobeas a nivel mundial, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, así como doutras institucións máis próximas, como a Valedora do Pobo, a Mesa Provincial dos Camiños de Santiago, organizacións políticas, etc.
Igualmente, iniciaremos un período de información e divulgación dirixido ao conxunto da opinión pública sobre o cambio de rumbo que está a tomar o fenómeno xacobeo e as súas perspectivas de futuro. Seguiremos realizando actuacións de protesta e intervencións en lugares concretos do Camiño onde é máis acusada esta problemática de ocupación da traza histórica ou arqueolóxica, a súa falsificación ou deterioro da paisaxe cultural.
Agradecemos ademais a vontade das persoas e colectivos que conforman o FORO DO CAMIÑO e que, pese ás novas circunstancias, continúan a traballar e a poñer ilusión na defensa e protección deste ben cultural e histórico, único no mundo que é o Camiño de Santiago.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal