20-10-2016
ADEGA-Lugo dedicará os roteiros deste curso 2016-2017 a mostrar diferentes iniciativas, repartidas por todo o país, que teñen como obxectivo a recuperación do noso patrimonio cultural e natural. O motivo destas andainas nace da proposta das persoas que participan habitualmente nos roteiros de ADEGA-Lugo e da propia intención de ADEGA, tras observar durante as nosas camiñadas, como moitos dos costumes, tradicións e construcións populares que forman parte do patrimonio cultural de Galiza, así como a propia paisaxe galega, están sendo apagados e van camiño de desaparecer. Por iso queremos pór en destaque algunhas das experiencias galegas que actúan en positivo e que demostran gran coraxe na recuperación desta cultura popular, da nosa tradición e tamén do noso patrimonio natural.
Desde o mes de outubro deste ano ata o mes de xuño de 2017 realizarase un roteiro mensual que coindirá sempre en domingo. O primeiro destino, como vén sendo habitual neste ciclo de andainas, será a Serra do Courel, onde acudiremos a coñecer un dos proxectos de recuperación de aldeas que se están a desenvolver nestas montañas. A aldea de Seceda, a cultura da castaña e a tradición do magosto serán os elementos a valorar. Tamén visitaremos as terras de Pambre, o seu castelo rehabilitado e a celebración tradicional das feiras, na Feira de Outono da Eira da Xoana. Os camiños levaranos desde as montañas da Pontenova, onde destacaremos a importancia do pasado industrial do río Eo, até as terras do Val Miñor, cos seus emblemáticos muíños do Folón e do Picón. Pasaremos polo interior de Lugo para coñecer os pendellos de Castroverde e achegarémonos ao Pedregal de Irimia, berce do río Miño, para o que ADEGA vén de encetar unha campaña de protección como Monumento Natural e de recuperación paisaxística ante a invasión masiva de plantacións de eucaliptos. Ademais, acudiremos a espazos protexidos, como as Fragas do Eume para resaltar o modelo de recuperación dos seus mosteiros. En Chantada apreciaremos o valor do traballo nas duras paisaxes do viño, e en Negueira de Muñiz poremos en destaque a valentía da comunidade de veciños e veciñas que nos anos 50, tras a construción do encoro, comezou un firme camiño cara a reconversión desta paraxe nun lugar con vida para o futuro.
Os roteiros de ADEGA-Lugo desenvólvense coa finalidade de achegar a sociedade galega ao seu territorio, favorecer o seu contacto directo coa Natureza e divulgar os extraordinarios valores que nos ofrece a nosa contorna e a pegada histórica do ser humano na nosa terra. Estas andainas sostéñense na crenza de que canto máis coñezamos do noso territorio, tan rico e variado, máis nos sentiremos implicados na súa conservación e bo coidado.
Ademais, en todas as andainas contamos coa participación altruísta e voluntaria de guías locais que nos ofrecen unha ollada única e máis íntima do que imos visitar.
A continuación indicamos cales serán os destinos propostos por o ciclo de roteiros “Recuperando O Noso” e as datas da súa realización:
Os roteiros están dirixidos a toda a poboación galega e sen exclusión de idade. Son dunha lonxitude non superior ao 15 quilómetros e de xornada completa.
O custe de cada actividade será de 10 euros para socios/as de ADEGA, 15 euros para non socios/as, 12 euros para xubilados, estudantes ou en paro, e 5 euros para menores de 17 anos. As persoas participantes deberán levar para o camiño comida, calzado e roupa axeitados e reservar praza, como mínimo con 3 días de antelación, chamando ao 982 240 299 ou 679 113 718, ou enviando un mail cos vosos datos (nome e apelidos e teléfono) a adegalugo@adega.gal.
As saídas do autobús terán lugar ás 9 horas da mañá en todos os casos, agás no roteiro de xuño, cuxa hora de partida será ás 8 horas, fronte a Facultade de Formación do Profesorado (antigo Maxisterio) de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal