ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Crónica do campo de voluntariado ambiental de...

18-10-2016

Crónica do campo de voluntariado ambiental de Sálvora

Continuamos coa eliminación de especies invasoras

O punto de encontro do voluntariado foi o porto de Aguiño onde, coa axuda de tod@s, cargamos todo o material de traballo na planeadora que nos levaría a illa nunha viaxe intensa e húmida.

Unha vez alí, despois da instalación dos voluntari@s e a organización do material, o voluntariado tivo a oportunidade de familiarizarse, da man de Ramsés Pérez, na problemática das especies exóticas e invasoras. Nesta palestra introductoria fíxose fincapé na importancia da concienciación social como ferramenta de loita fronte a esta problemática, xa que o ser humano é o principal vector de introdución das especies exóticas e invasoras.

Despois da palestra puidemos desfrutar dunha rica cea feita polo noso chef Paco Bañobre, tendo a oportunidade de coñecernos un pouco mellor.

A xornada do mércores 12 comezou cun percorrido ate o Faro onde se atopa a principal zona de traballo. Unha vez alí distribuímonos por pequenos grupos que abrangueron varias manchas de Carpobrotus edulis, levando a cabo a súa eliminación manual. Eliminamos uns 200 metros cadrados repartidos en 5 zonas.
Preto da mesma zona puidemos observar os froitos do traballo realizado por outra ducia de voluntari@s da man de ADEGA en xuño deste mesmo ano, onde todas aquelas zonas onde se eliminou a unlla de gato seguen a manterse limpas, sen indicios dun novo rebrote de dita planta invasora.

Xa despois de xantar empregamos a metade da tarde en amorear as plantas arrincadas nunha zona delimitada e cubrímolas cun plástico para que apodrezan e non se dispersen novamente.

Á segunda parte da tarde empregámola para a observación do paso de aves que están a migrar nesta época do ano, sendo notable a presenza de pardelas e do mascato (Morus bassanus) que nos deleitou cos seus fermosos picados.

Como complemento ao traballo coas invasoras e a observación de aves, houbo tempo tamén para observar a natureza de Sálvora, a súa diversidade biolóxica e para que os máis madrugadores activaran os seus corpos cunhas sesións de Taichi na praia.

Xa na última xornada do campo de voluntariado, puidemos desfrutar dun percorrido por toda a illa, visitando a aldea de Sálvora e coñecendo a biodiversidade animal e vexetal do resto da illa. Rematamos cun percurso polas instalacións do faro e a súa historia guiado polo fareiro Julio, quen tivo a vontade de recibirnos.

Tras a avaliación final por parte dos voluntarios, voltamos ao continente, esta vez en mellores condicións do mar e menos humidade, agardando que esta iniciativa teña continuidade en datas vindeiras.

Dende ADEGA queremos agradecer a/os voluntarias e voluntarios participantes o seu compromiso e implicación persoal na defensa da nosa natureza. Agradecemos tamén ao persoal do Parque Nacional, a Julio o fareiro e aos intrépidos patróns da navieira Mar de Aguiño.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal